Situación e División Parroquial
O Concello de Outeiro de Rei pertence á provincia e diocese de Lugo; integrado no conxunto da unidade xeográfica coñecida como A Terra Cha lucense, sitúase a 11 km da capital provincial. Limita polo Norte cos Concellos de Begonte, Cospeito e Rábade; polo Leste, co de Castro de Rei; polo Sur, co de Lugo e polo Oeste, co Concello de Friol.
Forma parte da comarca de Lugo e da "Mancomunidade de Municipios da Terra Cha" na que se inclúen ademais os municipios de Abadín, Castro de Rei, Pastoriza e Cospeito.
Xeograficamente está situado a 43º05’7’’ de latitude Norte e a 7º36’7’’ de lonxitude Oeste, sendo a súa extensión, de 134 km2.
Conta con 5063 habitantes, 2600 homes e 2463 mulleres, distribuídos nas 167 aldeas nas que se organizan as 27 parroquias que compoñen o Concello: [Datos referidos á última revisión do Padrón , 1/01/2017].
A capital do municipio sitúase en San Xoán de Outeiro de Rei. Cunha extensión de 3,2 km2 constitúe a segunda maior entidade de poboación, despois de Guillar, con 702 veciños distribuídos nos barrios de Barciela, Outeiro de Rei, Santa Isabel e Cantón.
Delimitada pola parroquia de Santa Mariña (dependente da súa xurisdición parroquial) polo Norte, Robra polo Sur, Bonxe polo Leste e Caboi e Martul polo Oeste; bañan as súas terras o río Miño e o arroio de Barciela.