> Robra (San Pedro Fiz)
Imagen Parroquia pertencente ó arciprestado de Coutos da Esquerda, provincia e diocese de Lugo. Delimitada polas parroquias de San Xoán de Outeiro de Rei (N.), Guillar e Silvarrei (S.), Bonxe (LE.), Martul e Parada (OE.); da súa xurisdición dependen Silvarrei e Guillar.





Presenta 421 habitantes distribuídos en 6 barrios:
- Alvite (19 veciños)
- Brandián (3 veciños)
- Francos (46 veciños)
- Penelas (286 veciños)
- Piago (0 veciños)
- Robra (67 veciños)

Imagen Bañan as súas terras o arroio Piñeiro e o río Miño. Distante da capital municipal 1,6 km., alcanza unha altitude máxima de 400 m.

A primeira referencia bibliográfica de Robra atopámola na división de 11 condados da provincia de Lugo, levada a cabo polos suevos no ano 569. Así, ó establece-los límites do condado de Superata (Sobrada) dise que partiría da confluencia "del río Róbera" (Robra) co Miño. Xa no 1112, nun voto real, a Raíña Dona Urraca doou á Igrexa de Lugo varias vilas, entre elas a de Robra.

Do seu patrimonio artístico destaca a súa igrexa parroquial que só conserva da fábrica románica a porta principal e unha fiestra do frontis.

Nesta parroquia atópase o Salto do Piago, orixinal paisaxe que é aproveitado como lugar de baño e descanso. Neste punto, o río Miño muda a súa fisionomía apracible para deixar arrastrar as súas augas por pequenas cascadas e pendentes. No seu entorno hai unha minicentral eléctrica de máis de 60 anos de existencia.

Imagen > Festividades:

Romaxe en honor á Virxe das Dores o fin de semana e o luns de Pascua. Son coñecidas estas festas pola calidade das orquestras que amenizan estes festexos pero tamén polo sentimento relixioso que manteñen.
A influencia deste santuario de Robra non só se limitaba ás parroquias do municipio de Outeiro de Rei senón tamén a outros municipios lindeiros; hoxe en día tratase que esta celebración recupere o que foi en tempos antigos.

Dende o ano 2001 celébrase na Semana Santa unha competición denominada KARTING DE OUTEIRO DE REI organizada polo Concello de Outeiro de Rei nas pistas de Robra e que atrae a visita de moitas persoas afeccionadas a estas celebracións deportivas.

Nos últimos anos tamén se organizan estas competicións durante as festas patronais de Outeiro de Rei. Todas estas probas son puntuables para o campionato galego de Karting.

> ver vídeo

O 14 e 15 de setembro celébrase a festa en honor a San Roque, recuperada no 2001 tras 20 anos sen festexarse.

Nalgúns libros consta que o 26 de maio ofrecíase unha misa na honra a San Eleuterio (protector e avogado das dentadas por cans rabiosos). Ademais, antigamente celebrábase tamén outra festa na honra á Virxe da Concepción.
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .