> Actualidade

09/03/2020 12:14

> DADAS A COÑECER AS IMAXES PREMIADAS NO CONCURSO CONVOCADO POLO DÍA DA MULLER

Onte, Día Internacional da Muller,  déronse a coñecer as fotografías premiadas no IV Concurso de Fotografía A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI quedando inaugurada a mostra polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo.

As fotografías premiadas foron:

1º premio, dotado con 150 € e diploma acreditativo, para  a fotografía  que ten por título AS SENTADILLAS NA HORTA, instantánea tomada na parroquia de Castelo por ESTEFANÍA DÍAZ RODRÍGUEZ.

2º premio, dotado con 50 € e diploma acreditativo, para a fotografía titulada DULZURA, traballo presentado por SILVIA CELA FERNÁNDEZ.

Segundo recolle a acta do xurado composto por Mª José Martínez Vigo, concelleira de Servizos Sociais, Blanca Arrojo Farelo, traballadora social e Mª Soledad Picón Acal, axente de emprego e desenvolvemento local:

“AS SENTADILLAS NA HORTA (2020). Imaxe singular que mostra a unha muller apañando grelos nunha finca familiar, sendo esta unha das moitas actividades que acompañaron dende sempre as tarefas cotiás da maioría das mulleres do rural ao longo das  súas  vidas. Grelos que se recollen para  utilizar tanto na alimentación da familia, sendo base para a elaboración de diferentes pratos, como tamén na alimentación dos animais (en forma xa de nabos) ou mesmo para vender os excedentes nas feiras próximas.

DULZURA (2020). Imaxe tomada no Centro Médico de Outeiro de Rei que recolle un momento do traballo cotiá dunha enfermeira. A Enfermaría en España é unha profesión maioritariamente feminina. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, o 84,4 % das profesionais son mulleres. A actividade principal da Enfermaría é o coidado das persoas, tarefa que sempre se asignou ás mulleres, primeiro no ámbito doméstico e logo, por extensión, na sociedade.

Ambas imaxes contribúen a que as mulleres se poidan sentir recoñecidas na súa achega á sociedade a través delas mesmas e dos seus traballos e á vez son unha chamada de atención ao representar as luces e as sombras do traballo  das mulleres.”

Os premios previstos para a sección de fotografías antigas quedaron desertos  ao non presentarse ningún traballo.

As fotografías poderanse ver  na Casa da Cultura ata o  día 31  deste mes en horario de 9:00 h a 14:30 h.

Dentro desta celebración, onte tivo lugar tamén unha andaina que finalizou cunha sesión de zumba; estas actividades organizadas polo Concello de Outeiro de Rei son parte das actividades  que se están a desenvolver na actualidade dentro da programación de Actividades de Promoción da Muller 2020.



























Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .