> Actualidade

07/02/2020 22:00

> O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DA MULLER PREVISTAS PARA O PRIMEIRO SEMESTRE DESTE ANO

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, e a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo realizaron a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2020 que como é habitual danse a coñecer o primeiro venres de febreiro dende hai 20 anos.

Finalizada a presentación abriuse o prazo de inscrición ata o día 26 de febreiro para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:

COCIÑA TRADICIONAL GALEGA* M/H


Este curso estará impartido por Maribel do restaurante Soborvila e vai dirixido a homes e mulleres do municipio; nel realizaranse diferentes pratos de cociña galega; o venres anterior ao inicio, o día 28 de febreiro, haberá un obradoiro de alimentación saudable impartido pola Escola galega de saúde e no que as persoas que desexen asistir deberán inscribirse a través da web da Escola (https://escolasaude.sergas.es). Neste obradoiro falarase, entre outros temas, do papel dos hábitos alimenticios na saúde e na prevención de enfermidades e daranse pautas para entender as etiquetas de nutrición.

AQUAFITTNES (ximnasia na auga)* M


Esta actividade desenvolverase no Centro Deportivo D10 de Mosteiro, os sábados en horario de 10:15 a 11:00 h nos meses de marzo a xuño, ambos incluídos ; o número de prazas que se ofertan é de 15.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER* H/M


O Concello organiza por cuarto ano consecutivo un concurso de fotografía que baixo o título A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI pretende visibilizar o traballo das mulleres no concello de Outeiro de Rei en diferentes eidos da nosa sociedade e en calquera ámbito (público ou privado).

Establécense dúas categorías:
FOTOGRAFÍAS ANTIGAS
FOTOGRAFÍAS ACTUAIS

Este ano está previsto que dentro de cada categoría haxa dous premios, un primeiro de 150 € e un segundo de 50 € para as fotografías gañadoras de cada sección. Os traballos pódense presentar no rexistro do Concello (presencialmente ou por correo postal certificado) a partir do luns día 10 de febreiro ata o día 28 deste mes, ambas datas incluídas.

Cos traballos que se presenten está previsto realizar unha exposición que será inaugurada o día 8 de marzo, data na que se darán a coñecer as fotografías gañadoras e na que se realizara a entrega de premios. Ese día ademais, antes de inaugurar a exposición, está previsto realizar unha andaina e unha sesión de zumba, actividades para as que é preciso inscribirse e nas que poderá participar calquera persoa interesada.

PREPARACIÓN PARA AS COMPETENCIAS CLAVE DE N2* M/H


O obxectivo deste curso é mellorar as competencias cara a busca de emprego; esta formación vai dirixida a todas as persoas traballadoras que non teñan a titulación mínima obtida a través da ensinanza regulada e requirida para acceder a Certificados de Profesionalidade de nivel 2, sexan persoas empregadas ou estean en proceso de busca de emprego. Os exames normalmente se realizan no mes de maio e proximamente abrirase o pazo de solicitude para participar neles. Está previsto ter unha formación de 45 h e 10 h máis de reforzo cando se coñezan as datas de exame.

XARDINERÍA E COIDADO DA CONTORNA DAS NOSAS CASAS* M


Persoal técnico da empresa Nuevos Jardines serán os encargados de impartir esta formación a partir do 12 de marzo. Curso especialmente dirixido a persoas que queiran adquirir nocións de xardinería; dentro do programa está previsto abordar o tema do deseño de xardíns, mantemento do céspede, identificación e tratamento de pragas, enfermidades e malas herbas, selección de especies, plantación e coidado das plantas, arbustos ornamentais, labores de poda...

DE FEIRA Á FEIRA DE MELIDE E Á FESTA DO MELINDRE* M


Nesta ocasión está previsto pasar a mañá en Melide, gozando da festa do melindre e visitando o seu mercadillo dominical; pola tarde, está prevista a visita á CASA DO PATRÓN en Lalín , museo etnográfico que expón máis de 4000 pezas recollidas por toda Galicia.

A programación prevista para 2020 completarase, xa no segundo semestre do ano, coas actividades: Informática básica ( internet, correo electrónico e seguridade on line); Elaboración de xabóns e cosmética natural; Taller de cestería con materiais reciclados e a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero cun TALLER DE DEFENSA PERSOAL

Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.

Consulta o programa

Descarga as bases do concurso de fotografía











Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .