> Actualidade

06/11/2019 09:08

> PRESENTADO O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO A-CTIVATE3

Onte tivo lugar no Concello de Outeiro de Rei a presentación do PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO A-CTIVATE3 subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e no que participan os Concellos de Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Mondoñedo e de Outeiro de Rei.
O acto estivo presidido polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, acompañados dos alcaldes de todos os Concellos integrantes da agrupación a excepción do alcalde de Cospeito.

Nesta ocasión, o xestor da subvención concedida para a posta en marcha do PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO A-CTIVATE3 é o Concello de Outeiro de Rei, en virtude do convenio asinado polos oito concellos integrantes da agrupación, convenio no que se delegou neste concello a realización das actuacións administrativas necesarias para a correcta xestión da solicitude de axuda do Programa Integrado de Emprego así coma a súa execución e a xustificación do investimento, asumindo a representación perante a Xunta de Galicia e no grupo de traballo da totalidade dos concellos asinantes.

DATOS DE INTERESE DO PROGRAMA:
  • O custo do proxecto é de 284 381,75 € ; a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu unha subvención por importe de 250 000 € e a achega municipal comprometida polos concellos integrantes da Agrupación é de 34. 381,75 €.


  • No ámbito xeográfico que comprenden os 8 municipios hai un total de 29.077 habitantes, dos que 1052 son demandantes de emprego.


  • Neste programa que desenvolverá ata o 20/10/2020 haberá un total de 100 participantes estando prevista unha porcentaxe de inserción mínima do 35%.


  • O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas traballadoras con dificultades de inserción laboral (menores de 30 anos, maiores de 45 anos, persoas en risco de exclusión social, persoas con discapacidade ou mulleres vítimas de violencia de xénero) que estean en situación de desemprego, mediante a posta en marcha dun plan integral que combina accións de información, orientación, asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral.


    Neste sentido, está previsto ofertar ás persoas participantes sendos certificados de profesionalidade: certificado de profesionalidade de LIMPEZA EN ESPAZOS ABERTOS E INSTALACIÓNS INDUSTRIAIS e o certificado de profesionalidade de ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS. Estas accións formativas inclúen unha parte de prácticas profesionais en empresas. Paralelamente, ofertaranse varias accións formativas transversais (as redes sociais na busca de emprego; claves para superar a entrevista de traballo; habilidades sociaolaborais; emprendemento e autoemprego; ferramentas de comunicación innovadora etc).


  • Durante todo o programa, as persoas participantes estarán asesoradas e guiadas por catro técnicos en inserción laboral que se prevé se contraten proximamente, que terán entre as súas funcións, realizar labores de información, orientación e asesoramento co obxectivo fundamental de posibilitar a inserción laboral dos participantes.


  • Todas as persoas participantes no Programa recibirán unha beca de 5€/dia que acudan a algunha formación.


  • A selección de participantes no Programa está previsto que se realice no mes de decembro a través do Servizo Público de Emprego; as persoas interesadas poden manifestar o seu interese nos seus respectivos Concellos a través dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local ou no propio Concello de Outeiro de Rei.



  • Concello de Outeiro de Rei
    Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
    Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
    Diseño web de Lugonet
     
    Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .