> Actualidade

01/07/2019 11:08

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

A XIII FEIRA DA ARTESANÍA  DE OUTEIRO DE REI que se celebra este sábado dia 6 de xullo, ofrecerá moitas opcións para gozar dese día  pois o Concello de Outeiro de Rei non cesa no empeño de acadar que todo o mundo que veña marche deste municipio con boas sensacións e co desexo de volver para o ano que ven así que imos enumerar algunha desas múltiples posibilidades:

  • EXPOSITORES. Para este sábado hai confirmados 90 postos repartidos nas seccións de artesanía,  alimentación e outros postos e entidades.

    A sección de artesanía  oferta gran variedade de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA EN MADEIRA, TRAXE REXIONAL, GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL,  FERRO, ARTESANÍA TÉXTIL, CANTARÍA,MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES, XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL, BIXUTARÍA, CABAZAS DECORATIVAS,  COSTURA CREATIVA, ETC… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.
    Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

    • De olaría, realizadas por representantes de tres importantes olarías de tradición de Galicia:Buño, Gundivós e  a olería de  Bonxe (Outeiro de Rei).Nesta edición tamén estará presente o estudio-obradoiro de cerámica  Alén das Olas.

    • De fieltrado de la, levado a cabo pola artesá de Pol, Sara Seijas. Esta exhibición esta subvencionada a través do programa PROMOCIÓN DA ARTESANÍA 2019 pola Excma. Deputación Provincial de Lugo a través do Centro de Artesanía e Deseño.

    • Tamén na zona dos oleiros situarase o posto de Xaneco, luthier de Outeiro de Rei que realizará demostración de construción de tarrañolas (inss).

    • Na rúa D, Idoia Cuesta, artesá residente en Outeiro de Rei, fará unha demostración de cestería e tamén haberá unha representación da Asociación Corazóns Artesáns, guiada pola súa presidenta, Chicha Lombao Ferreiro, que fará diferentes demostracións (macramé, bolillos…) e da a Asociación Bolboreta Fiandeira que fará demostración de fiado de la. Ambas entidades loitan co seu labor por manter viva a tradición de diferentes oficios e labores artesanais.

    • No Campo de Santa Isabel o escultor Marcos Mariño, fará exhibición de talla de madeira con motoserra .

    • Varios expositores máis (de instrumentos musicais, cantaría, torneado madeira, pirograbado, coiro, calceta, gancho…),  farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.


    Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 18 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, distintas variedades de queixos,  mel, licores,  doces, cereixas, xeados etc..
    Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén OUTROS POSTOS E ENTIDADES:

    RESIDENCIA CANINA GARATUXA, residencia asentada na parroquia de Matela en Outeiro de Rei,  situarase  a partir das 13:00 h á entrada do Campo de Santa Isabel cun punto de adopción canina. O Concello de Outeiro de Rei mantén con esta empresa un convenio para a recollida e atención de cans abandonados. Durante toda a xornada as persoas que desexen ter un can terán durante a feira unha boa oportunidade pois poderán adoptalo sen custe ningún e ademais recibirán varios agasallos destinados ao seu coidado e á  alimentación dos primeiros días; ademais dalgunha sorpresiña máis. Neste punto tamén haberá xogos e merchandising.
    FORESIN, CONSULTORÍA INTEGRAL DE RESINA, realizará unha labor de divulgación sobre o aproveitamento resineiro que pode constituír unha importante fonte de ingresos para particulares e empresas dada a importancia forestal que ten Galicia e Outeiro de Rei en particular. Esta empresa exporá no seu posto ferramentas empregadas neste aproveitamento, antigas e actuais, materias primas nas que se emprega a resina ademais de facer demostracións practicas sobre o aproveitamento da resina. Estará situada na rúa Manuel María, no cruce coa rúa D.
    BUS DE ADOS, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue instalará un autobús á entrada do Campo de Santa Isabel en horario de 10:00 h a 15:00 h para que todas as persoas que o desexen poidan doar sangue.
    PRESUME DE PUEBLO iniciativa que volve á feira de artesanía  coa súa unidade móbil Rural Discovery ofrecendo a posibilidade de participar en diferentes  fhotocalls instalados no recorrido da feira.
     

  • CARREIRA SOLIDARIA. A Asociación SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a V CARREIRA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.
    A primeira das categorías previstas, a absoluta, cun percorrido de 5,5 km ten a saída programada das proximidades do Concello ás 10:30 h e o remate no Campo de Santa Isabel.
    O resto de competicións desenvolveranse integramente no Campo de Santa Isabel a partir das 11:15 h: infantil e cadete (2004 ao 2007, 700 m), prebenxamín e benxamín (2008 ao 2013,  500 m) e chupete (2014 ao 2019, 100 m).
    Ao remate das mesmas haberá uns pinchos no entorno do centro de interpretación ao aire libre situado á entrada do Campo  de Santa Isabel e posteriormente, ás 13:00 h,  se realizará a entrega de trofeos.
    A recadación irá destinada á Asociación SOMOS Unidos por el Cáncer.
    As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición a través da páxina de Championchip: www.championchipnorte.com. No momento de redacción desta nova hai 122 persoas inscritas nas diferentes categorías pero aínda poden ser moitas máis.

  • I CAMPIONATO DE ESCULTORES CON MOTOSERRA DE OUTEIRO DE REI. Un total de 6 persoas  inscribíronse a semana pasada para participar neste primeiro campionato que terá lugar no Campo de Santa Isabel. Todos eles, traballarán en horario de 12:00 h a 14:00 h e de 16:15 h a 18:15 h  sobre troncos  de madeira que se converterán, ben seguro, en fermosas esculturas  cun nexo común, xa que a temática das obras deberá estar relacionada con algún oficio artesanal. O  resultado da competición resolverase ás 18:45 h no lugar da proba.

  • XOGOS, TALLERES E ESPECTÁCULOS. A partir das 12:00 h, están previstos varios obradoiros  dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:

    • Na rúa Manuel María haberá un obradoiro de maquillaxe e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:

    • obradoiro de atrapasoños, para facer animais con elementos naturais e obxectos de refugallo

    • obradoiro de móbiles, no que se farán móbiles con diferentes símbolos celtas

    • ximkana de xogos cooperativos (xogos de contacto, de distensión, dinamizadores…)

    • e obradoiro de xogo tradicional, para maiores e nen@s (sogatira, pita cega, carreira popular de sacos…)


    Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos e en varias delas repartiranse varios premios  aos/ás participantes que gañen algunha proba (mochilas, xogos de enxeño…).

    • Na zona dos oleiros, haberá o tradicional taller de barro, un dos materiais máis primitivos e puros que permite experimentar moitas sensacións e dar renda solta á creatividade e no que os participantes poderán decorar e personalizar as pezas que elabore no torno o obradoiro Alén das Olas.


    Igualmente, para o público infantil, está pensado o espectáculo de varietés GYROVÂGUS, a cargo de MIRCROMINA TITERES que terá lugar na rúa Manuel María, na zona dos oleiros, a partir das 17:45 h; cunha duración aproximada de 45 minutos é un espectáculo cargado de emoción, ideal para gozar en familia.

  • PASEOS EN KAIAK POLO RÍO MIÑO, en horario de 16:30 h a 19:00 h, esta actividade estará  guiada polo club de piragüismo CIDADE DE LUGO e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.

  • Todas estas actividades están promovidos polo Concello de Outeiro de Rei e son gratuítas para o público.

  • ACTUACIÓNS MUSICAIS:

    • Ás 13:00 h, diante do Concello, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música Sons e Soños dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte.

    • Ás 14:00 h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodas que tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.

    • Ás 19:30 h, na Praza do Concello, exhibición de baile rexional infantil a cargo dos nenos e nenas da Agrupación de Baile Infantil Outeiro de Rei acompañados do son das gaitas de Penas de Rodas.

  • EXHIBICIÓNS
    No Campo de Santa Isabel terán lugar:
    A partir de primeira hora da mañá, nas  inmediacións do circuíto deportivo,   está prevista unha  EXHIBICIÓN  DE TALLA EN MADEIRA CON MOTOSERRA a cargo  do escultor MARCOS MARIÑO  que ademais estará pendente da boa marcha do campionato de escultores con motoserra.
    Tamén, a partir das 13:00 h, terá lugar unha CONCENTRACIÓN DE COCHES do CLUB 600 DE LUGO  na que se darán cita diferentes modelos do mítico 600 pero tamén outras moitas marcas de  coches clásicos e motos.
    Igualmente, nas inmediacións da capela, ás 19:00 h terá lugar unha EXHIBICIÓN CANINA, realizada polo GRUPO DE TRABALLO DEPORTIVO FONTAO que durante algo máis dunha hora realizará unha exhibición de obediencia e defensa deportiva con cans de diferentes razas (pastor alemán e rottweiler).
    BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está  previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:

    • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)

    • PENAS DE RODAS

    • SALTO DO PIAGO

    • IGREXA DE ROBRA

    • CASA-MUSEO MANUEL MARÍA


    Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.

  • E PARA COMER a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o restaurante GONZÁLEZ ofrecerá a posibilidade de  mercar polbo, empanada, churrasco, rape en salsa,doces… e outros moitos produtos.


Este espazo natural é utilizado tamén por  familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.
Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén un posto  de xeados, de algodón de azucre e garapiñadas…
O horario de comidas está previsto a partir das  13:30 h. 

  • SORTEO DE PREMIOS EN METÁLICO E CONCURSO DE PINTURA AO AIRE LIBRE
    Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Outeiro de Rei promove un concurso de pintura ao aire libre no que poden participar tanto aficionados como profesionais que sexan maiores de idade.
    A inscrición é libre e gratuíta e as persoas que desexen participar deberán selar os bastidores na caseta do Concello de Outeiro de Rei o mesmo día da feira en horario de 9:00 a 10:30 h.
    A temática das obras será a propia feira de artesanía e/ou calquera recuncho con encanto polo que a feira discorre. O concurso resolverase ás 20:30 h; neste caso haberá un primeiro premio de 800 €, o 2º de 400 € e o 3º de 200 €.
    Lembrar tamén  que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de  20 premios de 50 € cada un deles;  a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello. O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados será difundida a través dunha das orquestras que actúen esa noite nas festas de Santa Isabel, na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 12/07/2019. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org


  • As bases de todos os concursos que se celebran o próximo sábado están dispoñibles na web municipal www.outeiroderei.org e nas redes sociais.
    Pero non marchen de Outeiro de Rei, aínda queda máis…. Despois dunha xornada chea de emoción ás 24:00 h, haberá  sesión de fogos artificiais cos que despediremos a décimo terceira edición da feira e queda moita noite para gozar na praza da vila das tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei.
    GOCEN CON NÓS DUN MARABILLOSO DÍA, DE TODA UNHA LONGA FIN DE SEMANA DE FESTA E SEMPRE, SEMPRE, BETI, FOREVER, TOUJOURS … DE OUTEIRO DE REI.

    Concello de Outeiro de Rei
    Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
    Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
    Diseño web de Lugonet
     
    Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .