> Actualidade

11/03/2019 01:04

> ENTREGADOS OS PREMIOS ÁS IMAXES GAÑADORAS NO CONCURSO CONVOCADO POLO DÍA DA MULLER

O pasado venres, Día Internacional da Muller,  déronse a coñecer as fotografías premiadas no III Concurso de Fotografía A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI quedando inaugurada a mostra polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo.

As fotografías premiadas foron:

Na sección de fotografías antigas, a fotografía titulada MEU LEITIÑO, achegada por VANESA LOZANO CORRAL, DNI 33 349 893P, escena tomada en Guillar no ano 1968 aproximadamente.

Na sección de fotografías actuais a fotografía NA PROCURA DE CALORCIÑO PARA O INVERNO fotografía realizada en 2018 en Matela  achegada por TERESA RODRÍGUEZ BARREIRO, DNI 33 305 309 K.

Segundo recolle a acta do xurado composto por Mª José Martínez Vigo, concelleira de servizos sociais, Blanca Arrojo Farelo, traballadora social e Mª Soledad Picón Acal, axente de emprego e desenvolvemento local:

“MEU LEITIÑO (1968). Imaxe singular que mostra unha muller mirando cara  a cámara tirando das  rendas dun cabalo para acudir  vender o leite.  Esta fotografía serve para lembrar o papel das mulleres nas economías domésticas, onde labores como muxir as vacas, facer os queixos ou desnatar o leite estiveron tradicionalmente reservados ao sexo feminino, e  deron lugar a oficios como os de queixeira ou leiteira.

NA PROCURA DE CALORCIÑO PARA O INVERNO (2018). Imaxe actual que mostra unha muller  exercendo unha actividade non remunerada no seu ámbito privado, unha actividade reservada tradicionalmente aos homes como é a de cortar a leña para ter o fogar abastecido cara ao inverno.

Ambas imaxes contribúen a que as mulleres se poidan sentir recoñecidas na súa aportación á sociedade a través delas mesmas e dos seus traballos. Consideramos que ambas imaxes serven para facer unha chamada de atención para que a sociedade sexa consciente do traballo calado, desvalorizado e pouco ou nada remunerado que as mulleres realizaron e seguen a realizar no ámbito familiar.”

As  premiadas, dúas mulleres veciñas de Outeiro de Rei,  recibiron 200 € e un diploma acreditativo.

Ademais das fotografías presentadas ao concurso, completan a mostra as fotografías gañadoras nas pasadas edicións e unha instantánea tomada en Arjeriz; todas elas  poderán verse  na Casa da Cultura ata o  día 28  deste mes en horario de 9:00 h a 14:30 h.

Esta actividade organizada polo Concello de Outeiro de Rei é unha das actividades  que se están a desenvolver na actualidade dentro da programación de Actividades de Promoción da Muller 2019.











Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .