> Actualidade

23/11/2018 08:50

> O CONCELLO DE OUTEIRO DE REI CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O domingo,  día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller e un ano máis, a través destas liñas, desde o Concello de Outeiro de Rei queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.

Por estas datas  lamentablemente temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia de xénero. Dende estas liñas, o noso pensamento está con esas mulleres e coas  súas familias e amizades. Igualmente,  o noso apoio incondicional para calquera muller que sofre calquera tipo de maltrato. Feitos horrendos e  absolutamente inadmisibles na nosa sociedade.

Os datos deste ano, a pesar de seren inferiores aos do ano anterior, seguen sendo alarmantes. A través do Portelo Estatístico da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, con data 23 de outubro, xa se levan rexistradas 56.307 “chamadas pertinentes” ao teléfono 016. Deste total, 2.390 realizáronse en Galicia. O número de denuncias por violencia de xénero elevouse na mesma data ata as 81.663, 2.979 delas en Galicia.

No que vai de ano, a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero contabiliza que o número de mulleres vítimas mortais deste tipo de violencia a data 21 de novembro ascende a 44, tres delas en Galicia. Á hora de realizar estas estatísticas o Goberno non conta os casos que están aínda sendo investigados, co que as cifras sempre poden ser maiores (no ano 2018 constátase un caso en investigación).
Non debe esquecerse tampouco que a violencia de xénero ten outras vítimas: as persoas menores de idade. No que vai de ano hai 3 menores mortos por esta violencia ademais de 35 orfos u orfas menores de 18 anos.

Segue sendo preciso tomar conciencia desta situación e reflexionar. En moitas ocasións,  aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar.  Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.

TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Teléfono da muller de Galicia

900 400 273

Atención a vítimas de malos tratos

016

Teléfono de urxencias

112

Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei

982 393 281

Lembrar que o mércores desta semana, día 21/11/2018,  constituíuse a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero promovida polo Concello de Outeiro de Rei, que nace para loitar contra a violencia de xénero e para crear as ferramentas necesarias para a coordinación  en materia de intervención e de prevención dos distintos ámbitos implicados nesta loita a  nivel municipal.


















Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .