> Actualidade

31/10/2018 11:20

> ESTE SÁBADO A CASA DA CULTURA ACOLLE A REPRESENTACIÓN DA OBRA ASUBÍOS POLA COMPAÑÍA ELEFANTE ELEGANTE

O próximo sábado 3 de novembro terá lugar ás 12:00 h no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Outeiro de Rei a representación da obra Asubíos incluída dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2018 da Xunta de Galicia da man da compañía Elefante Elegante. Trátase dunha peza teatral dirixida a todos os públicos a partir de 3 anos e inspirada no conto Cada home é unha raza, do escritor mozambicano Mia Couto. Na adaptación de Elefante Elegante a temática xira arredor do medio natural e de como vivir en harmonía coa natureza. Trátase dun alegato para unha vida respectuosa do ser humano coa terra que o acolle.

Sinopse: A Cidade Cinza era absolutamente silenciosa. Ninguén falaba, ninguén cantaba, ninguén ría e ninguén choraba. Naquela cidade unha morea de persoas camiñaba da casa para o traballo e da escola para a casa... sen parar. Non había unha soa flor, non habitaba unha soa árbore. Non había lugar para a natureza. Pero todas as mañás pasaba o vendedor de paxariños cargando unha fermosa gaiola de portas abertas con paxariños libres de cores alegres. As nenas e os nenos inundaban as rúas para asistir ao espectáculo. O vendedor collía unha guitarriña e acompañaba o frenético chiar da paxarada. Ao seu arredor, o mundo transformábase nunha fábula. Pero por detrás da cortinas, as xentes da cidade reprobaban aquel home que distraía as persoas das súas obrigas cotiáns. Pola súa banda, os mandaríns da cidade tentaron de tódolos xeitos evitar que a natureza e as súas cores lle roubasen a cidade cincenta o seu nome. Será que o conseguiron?

A entrada é de balde e poderán asistir todas as persoas que o desexen ata cubrir aforo.

DESCARGAR CARTEL

Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .