> Actualidade

02/07/2018 12:13

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Dende hai doce  anos o primeiro sábado do mes da sega a vila de Outeiro de Rei acolle a celebración da feira de artesanía, evento  que transforma o vivir cotián dos veciños e veciñas do municipio e converte ese día nun día moi especial, cheo de encanto e múltiples posibilidades para os milleiros de persoas que se dan cita no lugar.
A XII FEIRA DA ARTESANÍA  DE OUTEIRO DE REI ofrecerá moitas opcións para gozar dese día  pois o Concello de Outeiro de Rei non cesa no empeño de acadar que todo o mundo que veña marche deste municipio con boas sensacións e co desexo de volver para o ano que ven así que imos enumerar algunha desas múltiples posibilidades:

  • EXPOSITORES. Para este sábado hai confirmados 99 postos repartidos nas seccións de  artesanía,  alimentación e outros postos e entidades.

A sección de artesanía  oferta gran variedade de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA EN MADEIRA, TRAXE REXIONAL, GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL,  FERRO, ARTESANÍA TÉXTIL, CANTARÍA,MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES, XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL, BIXUTARÍA,  COSTURA CREATIVA, ETC… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.
Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

  • De olaría, realizadas por representantes de tres importantes  olarías de tradición de Galicia:Buño, Gundivós e a olería de  Bonxe (Outeiro de Rei).
  • De cestería, levada a cabo pola cesteira de A Pastoriza, María Otero. Esta exhibición esta subvencionada a través do programa PROMOCIÓN DA ARTESANÍA 2018 pola Excma. Deputación Provincial de Lugo a través do Centro de Artesanía e Deseño.
  •  Tamén na zona dos oleiros situarase  o posto de Xaneco, luthier de Outeiro de Rei que realizará demostración de construción dunha zanfona (instrumento musical de corda con teclado usado nas súas orixes para acompañar cantos relixiosos e máis tarde por xograres e cegos).
  • Na rúa D, haberá unha representación da Asociación Corazóns Artesáns, guiada pola súa presidenta, Chicha Lombao Ferreiro, que fará diferentes demostracións (macramé, bolillos…) e da a Asociación Bolboreta Fiandeira que fará demostración de fiado de la. Ambas entidades loitan co seu labor por manter viva a tradición de diferentes oficios e labores artesanais.
  • No Campo de Santa Isabel da man do escultor Marcos Mariño, daránse cita tres escultores de madeira con motoserra .
  • Varios expositores máis (de instrumentos musicais, cantaría, torneado madeira, pirograbado, coiro,  calceta, gancho,  tear…),  farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.

Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 20 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, queixos,  conservas vexetais e de castañas, zumes, fariñas artesanais,  marmeladas, escabeches, mel, licores,  doces, cereixas, xeados etc..
Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén OUTROS POSTOS E ENTIDADES:

RESIDENCIA CANINA GARATUXA, residencia asentada na parroquia de Matela en Outeiro de Rei,  situarase  a partir das 13:00 h á entrada do Campo de Santa Isabel cun punto de adopción canina. O Concello de Outeiro de Rei mantén con esta empresa un convenio para a recollida e atención de cans abandonados. Durante toda a xornada as persoas que desexen ter un can terán durante a feira unha boa oportunidade pois poderán adoptalo sen custe ningún e ademais recibirán varios agasallos destinados ao seu coidado e á  alimentación dos primeiros días; ademais dalgunha sorpresiña máis. Neste punto tamén haberá xogos e merchandising.

GDR 4, ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DA COMARCA DE LUGO.Grupo de Desenvolvemento Rural encargado de xestionar os fondos LEADER xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Xunta de Galicia. O ámbito xeográfico de actuación desta entidade son os concellos de:  Friol, Rábade, Outeiro de Rei, Castroverde, Guntín, O Corgo e a zona rural do Concello de Lugo. Situarase na rúa Manuel María no cruce coa rúa D.

LETME SOLUCIONES, CONSULTORA INTEGRAL DE RESINA, situada nas proximidades do stand do GDR4, realizará unha labor de divulgación sobre o aproveitamento resineiro que pode constituór unha importante fonte de ingresos para particulares e empresas dada a importancia forestal que ten Galicia e Outeiro de Rei en particular. Esta empresa exporá no seu posto ferramentas empregadas neste aproveitamento, antigas e actuais, materias primas nas que se emprega a resina ademais de facer demostracións practicas sobre o aproveitamento da resina.

SOGAMA (na rúa Manuel María) estará presente a partir das 16:00 h difundindo a  campaña Separar con xeito, para reciclar a feito  promovida por ECOEMBES  e a Consellería de Medio Ambiente. Ademais de información sobre a reciclaxe de residuos de envases proporcionará merchandising para a cidadanía.

E.LUCUSBIKES (na rúa Manuel María, no cruce coa rúa G) empresa de recente creación asentada no viveiro industrial municipal de Outeiro de Rei. Esta empresa achegará á feira varios modelos de vehículos eléctricos:
O modelo surf,  é un patinete
O modelo Prolimp, usado para a  limpeza
O modelo Box,  destinado a paquetería
E o modelo Front, que e o modelo para levar a persoas con mobilidade reducida

ELIO C. LAUREANO. Situado na feira ao carón da anterior iniciativa, este promotor asentado tamén no viveiro industrial de Outeiro de Rei, promocionará a súa empresa orientada á fabricación de mobles e outros produtos a partir de palés.

PRESUME DE PUEBLO iniciativa que volve á feira de artesanía  coa súa unidade móbil Rural Discovery ofrecendo a posibilidade de participar en diferentes  fhotocalls instalados no recorrido da feira.

ONG MIRADAS AL  MUNDOque estará situada na caseta do Concello de Outeiro de Rei que recadara fondos para proxectos en marcha a desenvolver en Guinea-Bisau.

  • CARREIRA SOLIDARIA. A Asociación SOMOS SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a IV CARREIRA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.

A primeira das categorías previstas, a absoluta, cun percorrido de 6,5 km ten a saída programada das proximidades do Concello ás 10:30 h e o remate no Campo de Santa Isabel.
O resto de competicións desenvolveranse integramente no Campo de Santa Isabel a partir das 11:15 h:infantil e cadete (2003 ao 2006, 1400 m), prebenxamín e benxamín (2007 ao 2012,  700 m) e chupete (2013 ao 2018, 100 m).

Ao remate das mesmas haberá uns pinchos no entorno do centro de interpretación ao aire libre situado á entrada do Campo  de Santa Isabel e posteriormente, ás 13:00 h,  se realizará a entrega de trofeos.
A recadación irá destinada á Asociación SOMOS Unidos por el Cáncer.
As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición a través da páxina de Championchip: www.championchipnorte.com. No momento de redacción desta nova hai 104 persoas inscritas nas diferentes categorías pero aínda poden ser moitas máis.

  • XOGOS, TALLERES E ESPECTÁCULOS. A partir das 12:00 h,  están previstos varios obradoiros  dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:
  • Na rúa Manuel María haberá un obradoiro de maquillaxe e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:
  • obradoiro de animais, para facer animais con elementos naturais e obxectos de refugallo
  • obradoiro de móbiles, no que se farán móbiles con diferentes símbolos celtas
  • ximkana de xogos cooperativos (xogos de contacto, de distensión…)
  • e obradoiro de xogo tradicional (sogatira, pita cega, carreira popular de sacos…)

Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos e en varias delas repartiranse varios premios  aos/ás participantes que gañen algunha proba (mochilas, camisetas, xogos de entretenemento…).

  • Na zona dos oleiros en horario de tarde, haberá o tradicional taller  de barro, un dos materiais máis primitivos e puros que permite experimentar moitas sensacións e dar renda solta á creatividade. Ao longo da xornada nesta zona tamén haberá posibilidade de que nen@s gocen co taller de cestería guiado por María Otero.

Igualmente, para o público infantil, está pensado o espectáculo de monicreques A FAMILIA UNIDA, a cargo de MIRCROMINA que terá lugar na rúa Manuel María, na zona dos oleiros, a partir das 17:45 h ; cunha duración aproximada de 45 minutos é un espectáculo cargado de emoción, acción e interacción co público, ideal para gozar en familia.
Todas estas actividades están promovidos polo Concello de Outeiro de Rei e son gratuítas para o público.

  • ACTUACIÓNS MUSICAIS:
  • Ás 13:00 h, diante do Concello, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música Sons e Soños dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte.
  • Ás 13:30 h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodasque tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.
  • Ás 19:30 h, na Praza do Concello, exhibición de baile rexional infantil a cargo dos nenos e nenas da Agrupación de Baile Infantil Outeiro de Rei acompañados do son das gaitas de Penas de Rodas.
  • EXHIBICIÓNS

No Campo de Santa Isabel terán lugar:

A partir de primeira hora da mañá, nas  inmediacións do circuíto deportivo,   está prevista unha  EXHIBICIÓN  DE TALLA EN MADEIRA CON MOTOSERRA a cargo  do escultor MARCOS MARIÑO que acompañado por outros escultores realizarán ao longo da xornada varias pezas. Ás 13:30 h e ás 18:00 h esta previsto que se realice o sorteo de varias desas pezas entre o público asistente (repartiranse  ata un total de 100 participacións en cada sorteo).

Tamén, a partir das 13:00 h, terá lugar unha CONCENTRACIÓN DE COCHES do CLUB 600 DE LUGO  na que se darán cita diferentes modelos do mítico 600 pero tamén outras moitas marcas de  coches clásicos e motos.

Igualmente, nas inmediacións da capela, ás 18:30 h terá lugar unha EXHIBICIÓN CANINA, realizada por CREANDO VINCULO e GLOBUS NATURA que durante aproximadamente hora e media realizará unha exhibición de agility  con cans de diferentes razas; ao remate da mesma darán opción para que os nenos e nenas  que o desexen poidan participar na realización de diferentes actividades asistidas por cans.
BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está  previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:

  • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
  • PENAS DE RODAS
  • SALTO DO PIAGO
  • IGREXA DE ROBRA
  • CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.

  • E PARA COMER  a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o restaurante A PALLOZA ofrecerá a posibilidade de  mercar polbo, lacón, churrasco, doces… e outros moitos produtos.

Este espazo natural é utilizado tamén por  familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.
Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén un posto  de xeados, de algodón de azucre e garapiñadas, …
O horario de comidas está previsto a partir das  13:30 h. 

  • SORTEO DE PREMIOS EN METÁLICO E CONCURSO DE PINTURA AO AIRE LIBRE

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Outeiro de Rei promove un concurso de pintura ao aire libre no que poden participar tanto aficionados como profesionais que sexan maiores de idade.
A inscrición é libre e gratuíta e as persoas que desexen participar deberán selar os bastidores na caseta do Concello de Outeiro de Rei o mesmo día da feira en horario de 9:00 a 10:30 h.
A temática das obras será a propia feira de artesanía e/ou calquera recuncho con encanto polo que a feira discorre. O concurso resolverase ás 20:30 h; neste caso haberá un primeiro premio de 500 €, o 2º de 300 € e o 3º de 200 €.

Lembrar tamén  que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de  20 premios de 50 € cada un deles;  a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello. O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados será difundida a través dunha das orquestras que actúen esa noite nas festas de Santa Isabel, na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 13/07/2018. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org
As bases destes concursos están dispoñibles na web municipal www.outeiroderei.org e nas redes sociais.

Pero non marchen aínda de Outeiro de Rei. Despois dunha xornada chea de emocións,  aínda queda moito máis… Ás 24:00 h, haberá  sesión de fogos artificiais cos que despediremos a doceava edición da feira e moita noite para gozar na praza da vila das tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei.

GOCEN CON NÓS DUN MARABILLOSO DÍA, DE TODA UNHA LONGA FIN DE SEMANA DE FESTA E SEMPRE, SEMPRE, BETI, FOREVER, TOUJOURS … DE OUTEIRO DE REI J.



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .