> Actualidade

09/03/2018 13:38

> DADAS A COÑECER AS IMAXES PREMIADAS NO CONCURSO CONVOCADO POLO DÍA DA MULLER


A AGRICULTURA INNOVADORA
VANESA LOZANO CORRAL


EXERCENDO O PROPIO OFICIO NA CASA
ESTEFANÍA DÍAZ RODRÍGUEZ
Onte, Día Internacional da Muller, déronse a coñecer as fotografías premiadas no II Concurso de Fotografía A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI quedando inaugurada a mostra polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo.

As fotografías premiadas foron:

Na sección de fotografías antigas, a fotografía titulada AGRICULTURA INNOVADORA, achegada por VANESA LOZANO CORRAL, DNI 33 349 893P, escena tomada en San Félix de Paz no ano 1957.

Na sección de fotografías actuais a fotografía EXERCENDO O PROPIO OFICIO NA CASA fotografía realizada en 2018 en Outeiro de Rei por ESTEFANÍA DÍAZ RODRÍGUEZ, DNI 33 544 896V.

Segundo recolle a acta do xurado composto por Mª José Martínez Vigo, concelleira de servizos sociais, Blanca Arrojo Farelo, traballadora social e Mª Soledad Picón Acal, axente de emprego e desenvolvemento local:

“A AGRICULTURA INNOVADORA. No ano 1957, en pleno período franquista, onde as mulleres estaban destinadas a converterse en boas esposas e nais, chama a atención a singularidade desta imaxe que mostra a unha muller sorrindo á cámara ao volante dun tractor.

EXERCENDO O PROPIO OFICIO NA CASA. Imaxe actual, seguramente tomada para participar neste concurso, que mostra unha muller exercendo unha actividade non remunerada no seu ámbito privado. Traballo de elaboración de embutidos asociado á matanza, que é unha tarefa que se realizaba e en parte continúa a ser realizada polas mulleres da familia. Neste caso concreto, a vestimenta utilizada pola protagonista que aparece na imaxe e mesmo o título da mesma nos permiten saber ademais que a súa ocupación profesional está relacionada con este traballo. Non é difícil relacionar esta fotografía coa dobre xornada laboral de moitas mulleres…

Ambas imaxes contribúen a que as mulleres se poidan sentir recoñecidas na súa aportación socioe-económica á sociedade a través delas mesmas e dos seus traballos. Consideramos que ambas imaxes serven para facer unha chamada de atención para que a sociedade sexa consciente do traballo calado, desvalorizado e pouco ou nada remunerado que as mulleres realizaron e seguen a realizar no ámbito familiar.”

As premiadas, dúas mulleres veciñas de Outeiro de Rei, recibiron 200 € e un diploma acreditativo.

Para esta convocatoria houbo un total de oito participantes que achegaron vintecatro fotografías que se poderán ver na Casa da Cultura ata o día 28 deste mes en horario de 9:00 h a 14:30 h.

Esta actividade organizada polo Concello de Outeiro de Rei é unha das actividades que se están a desenvolver na actualidade dentro da programación de Actividades de Promoción da Muller 2018.



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .