Actualidade
RAPACES E RAPAZAS DE OUTEIRO DE REI ACHÉGANSE AO MUNDO LABORAL GRAZAS A VARIAS EMPRESAS DO MUNICIPIO
Durante cinco días trece mozos e mozas de Outeiro de Rei puideron aproximarse ao mundo laboral a través da realización de estadías en varias empresas do municipio, concretamente as empresas acolledoras foron as seguintes:
GARATUXA. Residencia de mascotas.
IDEA ALMACÉN DE PAPELERÍA, SL. Venda ao por maior de material escolar, artigos e máquinas de oficina e informática.
INGAPAN S.L.U. Fabricación e venda ao por maior de empanadas e empanadillas cocidas, envasadas e etiquetadas.
LASERLUCUS, S.L.U. Taller de gravado e corte por láser.
MARCELLE NATUREZA. Parque natural de animais.
PAN E PANADERÍA DE OUSÁ, SL. Fabricación e venda de pan, empanadas e bollería.
AVIFAUNA. Parque zoolóxico.
FULGENCIO CASÁS LOMBAO. Venda ao por menor de pensos, abonos, produtos de droguería e ferretería.
Ademais destas empresas, tamén colaboraron nesta iniciativa ofrecéndose a acoller: Área 507, Ben Alonso, S.L. e Xardinería Santa Isabel.
Todas estas empresas foron un piar fundamental desta iniciativa; o outro, evidentemente, o foron @s 13 moz@s participantes na mesma que responderon con entusiasmo a este compromiso.
As prácticas realizadas durante cinco días en xornadas diarias de 4 h representaron un primeiro contacto co mundo laboral, unha experiencia que foi moi valorada por todos eles e que lles permitiu coñecer o traballo diario na empresa escollida por eles e colaborar realizando diferentes actividades.
Para completar o programa, o pasado luns realizouse unha visita á Fundación CEL onde foron recibidos por Rodolfo Ojea que tratou, entre outros aspectos, dos servizos que ofrece esta entidade aos emprendedores, ademais de realizar un percorrido polas instalacións e de completar esta visita cun encontro con promotores de dúas interesantes iniciativas empresariais: Lignia e estati.co.
Finalmente, os rapaces foron recibidos no Concello de Outeiro de Rei polo alcalde, José Pardo Lombao, que mantivo un intercambio de impresións e houbo unanimidade á hora de manifestar que todos eles repetirían esta experiencia. A continuación, realizouse o sorteo de tres tablets, sendo os premiados no mesmo: Martín Fernández Freije, Arturo Fernández Arias e Samuel Mosquera Sixto.
A terceira edición desta iniciativa foi promovida e subvencionada polo Concello de Outeiro de Rei.