Actualidade
CONTACONTOS EN OUTEIRO DE REI
O Salón de Actos da Casa da Cultura de Outeiro de Rei acollerá o vindeiro domingo día 15 de novembro ás 19:00 h un contacontos protagonizado polo humorista Inacio vilariño, dentro do programa de dinamización lingüística Fala Redes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Contos en Rede, que é o titulo desta actividade, pretende fomentar o uso falado do idioma galego a través de pequenos espectáculos.
A contada:
“ Bou Catrineta” é un espectáculo de narración oral para público familiar no que o fío condutor é a Tía Lola, personaxe que inmortalizaron os Dezas de Moneixas nunha das súas máis famosas composicións. Nel mistúranse saberes tradicionais, refráns, cancións, contos populares e o romance histórico da Nau Catrineta para contar unha historia na que finalmente o demo sae escaldado.
Unha sesión moi participativa na que Inacio se apoia para contar estas historias na manipulación de elementos feitos con papel: unha cinta de Moebius para presentar as infinitas denominacións do demo, un cheque para o conto encadeado do burro da Tía Lola, a canción portuguesa Oh rama, un recortable con dez rapazas para a canción de formula da Maturrangaina e unha balea e un barco feitos coa técnica da papiroflexia para o romance do Bou Catrineta.