> Actualidade

14/12/2012 11:00

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Este sábado, 2 de xullo, terá lugar a V FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI, feira que organiza o Concello de Outeiro de Rei e que cada ano vai gañando un maior protagonismo no calendario cultural e festivo do verán.
Ese día pasear por Outeiro de Rei permitirá a visitantes e veciñ@s atopar múltiples posibilidades para gozar do tempo de lecer. Imos enumerar algunhas:

EXPOSITORES

  • Nesta 5ª edición da feira, atoparemos moitos postos cunha grande variedade de produtos á venda. Teñen confirmada asistencia un total de 95 expositores; 76 deles dentro da sección de artesanía, sección que recolle un amplo abano de produtos ( de olaría, cestería, madeira, coiro, ferro, prata, bixutaría, instrumentos musicais, tear, gancho e calceta, bordado á man, traxes rexionais, feltro, xabóns naturais, óleo, macramé, xogos…).

Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

  • De olaría, realizadas por tres olarías de tradición de Galicia: Bonxe, Buño e Gundivós. Na zona dos oleiros este ano haberá unha representación da Cerámica de Castrolandín.
  • De cestería, demostracións levadas a cabo por Idoia Cuesta e por Lola de Cela.
  • De ferraría, guiada por Enrique Blanco.
  • De talla de óso realizada por José Antonio de Dios.
  • De frivolité, realizada por Rosa Mª Fidalgo.
  • De tear con bastidor, de Cecilia Carballo.
  • De fabricación de instrumentos musicais de percusión tradicional, Dioniso Abual.
  • De torno de madeira realizada por Jesús Iglesias.

Por outro lado, na sección de alimentación atoparemos produtos de panadería, embutidos, queixos, conservas vexetais, zumes, marmelos, infusións, mel, viño, leite, doces…
Fóra destas seccións a feira contará cunha representación da Asoc. de produtores artesanais da raza Galiña de Mos e da iniciativa asentada en Outeiro de Rei, Vida de Aldea. Esta última centrada no aluguer de parcelas destinadas á produción a pequena escala de produtos de horta de calidade.
A feira, cuxos postos estarán abertos ata as 22:00h, acollerá tamén unha representación do SPA Termas de Vilalba e da Asoc. Cultural “Xermolos”.

TALLERES

  • Ao longo da xornada estarán en funcionamento varios obradoiros, a maioría destinados ao público infantil:
  • Un de barro, situado nas inmediacións dos oleiros, guiado por eles mesmos. Os participantes deste taller serán agasallados cun bolígrafo. Tamén poderase recoller nesta zona, ata esgotar existencias, un prato conmemorativo da feira.
  • No Campo de Santa Isabel haberá un obradoiro de panadería, cortesía da Panadería Ousá, que funcionará en horario de 13:00h a 14:00h e de 17:00h a 19:00h. Nesta zona terán lugar varios obradoiros máis guiados pola empresa Vida Láctea:
    • De marionetas
    • De cestería para nen@s
    • Carreira de orientación: Ximkana divertida
    • O gran xogo da Oca Galega
    • Obradoiro de maquillaxe de fantasía
    • Obradoiro de xogo tradicional(para maiores e nen@s)

ACTUACIÓNS MUSICAIS

  • Ás 12:45h, diante da Casa Consistorial, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música de Outeiro de Rei.
  • Ás 13:30h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural “Penas de Rodas” .
  • Ás 20:30h, terá lugar no Campo de Santa Isabel o concerto do grupo folk “QUEMPALLOU”.

EXHIBICIÓN CANINA

  • Ás 18:45h no Campo de Santa Isabel terá lugar unha exhibición canina de obediencia e defensa deportiva realizada polo Club de Adestramento Deportivo “GERIÓN” de Cambre e na que intervirán 8 ou 9 cans de diferentes razas: pastor belga, boxer, schnauzer, rottweiler… Esta actuación durará aproximadamente unha hora.

BUS TURÍSTICO

  • O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está previsto que ás 17:30h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:
  • MUSEO DA RADIO
  • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
  • PENAS DE RODAS
  • IGREXA DE FRANCOS
  • SALTO DO PIAGO

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 50.

E PARA COMER OU CEAR

  • A feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas; o menú servido polo restaurante “Miño” será carne ao caldeiro e torta “Santa Isabel” . Ademais haberá posibilidade de mercar nas inmediacións produtos de panadería e polbo á feira.

Haberá dúas QUENDAS PARA A DEGUSTACIÓN: AO MEDIODÍA EN HORARIO DE 14:00 h A 16:30 h. E POLA NOITE, EN HORARIO DE 21:00h a 23:00h.
CADA TICKET DO MENÚ DARÁ DEREITO A PARTICIPAR NUN SORTEO QUE SE CELEBRARÁ ÁS 22:30 NO LUGAR DA COMIDA E NO QUE SE SORTEARÁN 11 VALES DE COMIDA EN ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA DO MUNICIPIO. ESTA INICIATIVA CONTA COA COLABORACIÓN DOS SEGUINTES ESTABLECEMENTOS DE OUTEIRO DE REI:

    • HOSTAL ILLÁN
    • LA CABAÑA DE MARCELLE
    • MESÓN GONZÁLEZ
    • MESÓN O FERREIRO
    • PARRILLADA FOMPEDRIÑA
    • RAXERÍA DA FONTE
    • RESTAURANTE MIÑO
    • RESTAURANTE SOBORVILA
    • E AS CASAS DE TURISMO RURAL : “O LUGAR DE PASCUAIS” , “REBOREDA DE ABAIXO” E “RÍO LADRA”

Rematado o sorteo está prevista unha QUEIMADA POPULAR.

  • Unha EXPOSICIÓN DE PINTURA ao carón do Concello de traballos realizados por veciñ@s do municipio participantes nos cursos de pintura promovidos polo Concello de Outeiro de Rei que estará aberta durante a xornada ou a SESIÓN DE FOGOS DE ARTIFICIO prevista para as 00:30h completan o programa desta edición da feira.

Pero no se vaian, aínda hai máis… na praza da vila, as tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei, daranlles a benvida máis acolledora.



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .