> Pazos e Casas Señoriais

A arquitectura civil do Concello presenta unha gran variedade de construcións entre as que destacan as casas señoriais ou os pazos. Se ben adóitase a identificar estas construcións como as residencias da gran nobreza galega, o certo é que foron a morada característica da pequena fidalguía ou "señores medianeiros" que durante os séculos XVII e XVIII viviron un auxe económico.

Historicamente, a orixe desta arquitectura paceña está nos castelos –fortalezas e torres medievais sendo esta unha transformación civil da antiga arquitectura militar a fins do século XVI.

Os pazos e casas señoriais foron ó longo da Idade Moderna un centro de produción agraria no que se centralizaron as relacións económicas do réxime señorial galego.

Outeiro de Rei, pola súa posición privilexiada, antesala da capital provincial, converteuse nun lugar apetecido de residencia, o cal explicaría a importante concentración de casas señoriais neste Municipio ás que teríamos que engadir catro torres, nunhas condicións de conservación variable, algunhas incluso desaparecidas e das que só temos noticia a través das fontes bibliográficas.

> O Pazo de Miraz (San Pedro de Arcos)

Imagen

Convertido na actualidade en residencia e casa de labor; rodeado de pastos, zonas de cultivo e bosques de carballo e castiñeiros érguese este edificio que responde a fases construtivas diversas que deron como resultado unha construción que no fundamental verte as súas dependencias cara un patio en forma de U, muros de cachotería de lousa enfoscada e encalada con cantería en linteis, xambas e esquinais. Solaina orientada o S.O. e escaleira de acceso exterior. Patio con hórreo, tipo asturiano, capela e alpendre.

> Casa señorial de Prado (San Martín de Caboi)

Imagen

Presenta un bo estado de conservación, sendo empregada como residencia de verán polos seus donos. A casa posúe unha pedra de armas na súa fachada, na que se representa unha árbore flanqueada por dous animais. O desgaste da pedra non permite apreciar ben a calidade dos mesmos [Manuel Vázquez Seijas, fala de cans ou leóns.].

Suponse, aínda que non se puido demostrar, que existiu unha torre no lugar de Astaríz, concretamente entre esta Casa de Prado e a Casa de Redondo, esta última construída no século XIX no campo da Rúa, onde estiveran a forca e o cárcere, precisamente con materiais destes edificios. De feito, ó ser derrubada no s. XX, recolléronse da mesma un cepo e unhas cadeas empregadas polo ferreiro que viviu nela noutros mesteres.

> Casa Grande dos Andrade (Castelo)

Imagen

Segundo veciños da parroquia é unha casa con dous séculos de antigüidade aproximadamente. Ten capela con pía para auga bendita, escaleiras e balcón de pedra, ademais de escudo. A cociña tamén é de pedra con lareira e aparece rodeada por unha muralla e presenta tamén un calabozo. Co paso do tempo foise modificando a súa fisionomía orixinaria. Actualmente está ocupada por caseiros.

> Pazo de Cela (Santa Mª de Cela)

Imagen

Sito no barrio de Fompedriña, nunha zona chaira e fértil da ribeira esquerda do Miño, recibe tamén o nome de -Retorta antiga-. Este edificio de dous pisos, presenta planta rectangular que forma unha "L" co edificio auxiliar, fábrica de cachotería de pedra de lousa, cantería en linteis, xambas... etc; pequena solaina no ángulo interior do conxunto e escudo.

Nesta mesma freguesía de Cela localizábase tamén unha torre pertencente ó mariscal Pedro Pardo de Cela, e máis tarde ós seus descendentes os Ribadeneira, señores de Villaguisada. Hoxe desaparecida, pódese aínda observar sobre o terreo o punto onde estivo enclavada (ó oriente da Igrexa parroquial).

> Casa de A Barreira (Santiago de Gaioso)

Imagen

Orixinaria do ano 1575, cando Ares Conde de Monterroso doou o seu fillo, con motivo do seu matrimonio, a cuarta parte do couto de Donalbai e 40 fanegas de centeo, produto da renda de varios lugares e entre eles, Santiago de Gaioso. Xa en 1608, Pedro Ares, fillo do citado Ares Conde de Monterroso, incrementou as herdades coa adquisición da cuarta parte do lugar de A Barreira, converténdose en único dono do mesmo en 1629.

A casa principal consta dun cuarto alto e outro baixo, con dúas fiestras na parte do poñente, esquinais, teito e armazón, que tiveron que ser reedificados, e un terceiro cuarto lousado e madeirado. Presentaba na fachada un escudo que facía referencia os apelidos dos Castro, Vaamonde e Monterroso (s. XVIII), se ben hoxe descoñecese o seu paradoiro.

> Casa de Ribado (Santiago de Gaioso)

Está moi restaurada, polo que a penas se aprecian restos do edificio primitivo. Presenta canoneiras nas esquinas (como elemento defensivo) e un pombal.

> Casa-Torre de Arcos

Segundo consta na "Crónica de D. Pelayo" e nun privilexio que hai no arquivo de Simancas e no da catedral de León, Lupo Cambero de Candal recibiu o señorío de Arcos (e por tanto esta casa-torre) cos seu portaxe e o padroado dos beneficios eclesiásticos, co título de señorío como mercé pola súa loita contra os árabes na Reconquista de Asturias, parte de Galicia e da cidade de León. Hoxe esta fortaleza desapareceu.

> Casa-Forte de Outeiro de Rei (San Xoán)

Imagen Tamén chamada "Casa de la señorita" destaca por ser, entre as do seu xénero, unha das de maior prestancia e carácter de Galicia. Foi fundada pola familia irlandesa O´Kelly, a partir dunha torre medieval, nas últimas décadas do s. XV, e posteriormente pasou ás mans do liñaxe dos Gayoso.

Sita dentro do casco urbano da capital municipal, San Xoán de Outeiro de Rei, presenta unha planta rectangular, volume moi compacto con ocos pequenos. Solaina traseira ó xardín, muros de cachotería de lousa e dúas portas de arco de medio punto enmarcadas con grandes pedras de cantería.

Do que foi a primitiva construción só quedan os restos dunha muralla así como a estrutura do edificio (dúas plantas con 11,20 metros de fachada). Na parte máis alta da mesma, aparece unha pedra heráldica enmarcada por unha figura saínte, biselada, que encerra dous escudos: o primeiro, unha aguia sobre tres barras e o segundo un "M" sobre barras e peixes (emblemas dos Aguiar, Montenegro e Gayoso). En canto ó interior da casa, atópase bastante deteriorado, con modificacións e engadidos nas diferentes dependencias.

> Pazo de Mirapeixe (Sta. Mariña de Outeiro de Rei)

Imagen

Neste pazo, sito o carón do río Miño, ten o seu orixe un dos liñaxes lucenses de maior renome na Idade Media, os Gayoso, se ben as reformas efectuadas no mesmo, a penas deixaron vestixios da primitiva construción.

Seguindo a documentación presente no seu arquivo sábese que a comezos do s. XVI pasou ás mans de Alonso Ares de Saavedra, da casa de Taboi, quen remodelou o pazo dándolle a estrutura principal que presenta na actualidade.

Este caserón, sólido e austero, libre dos clásicos adornos arquitectónicos propios deste tipo de edificacións durante os séculos XVII e XVIII, amosa nos seus muros dúas pedras de armas nas que campan, entre outros, os brasóns dos Pardo e dos Vaamonde.

O edificio principal é de planta angular un pequeno engadido irregular nun extremo da ala menor. Os muros son de cachotería e a cuberta e de lousa. Destacan no conxunto as terrazas, escalinatas e ramplas creadas ó redor do edificio aproveitando as pendentes.

> Casa de Abelleira (Sta. Mariña de Outeiro de Rei)

Imagen

Sito nun terreo chan dedicado a pastos érguese este edificio de planta rectangular, cuberta de lousa a catro augas, patio amurallado de cachotería de lousa; solaina corrida no lateral Norte e no lateral Oeste, pedra de armas cortada e partida en tres porcións: na primeira aparece unha aguia estendida, na segunda un "M" e na terceira tres troitas. Por este escudo, coidadosamente labrado, pódese ver que esta casa tivo moita relación ca citada casa-forte de Outeiro de Rei, xa que o emblema dos Gayoso (as troitas) aparecen nas dúas pedras de armas, o que nos permite supoñer que esta casa de Abelleira tamén estivo nas mans desta liñaxe.

> Casa de Sampaio (San Xoán de Parada)

Esta vivenda, sita ó carón da capela de San Pelagio, foi reformada no ano 1856 como se desprende dunha inscrición do lintel da porta principal, na que tamén aparece outra co número 651, que corresponde ó ano 1651, e que se repite gravada no sillar da vella lareira, un dos poucos vestixios que esta casa conserva do século XVII, xunto cun forno, a cheminea e algunha outra dependencia.

> Torre de Sobrada (Sobrada de Aguiar)

Imagen Levantada no s. XV por Fernán Pérez de Ribadeneira, tivo que ser reconstruída tras ser derrubada en 1467 polos irmandiños; presenta na actualidade un estado de conservación deficiente, sendo propiedade da familia D. Andrés Segundo Guerra Pita.

A torre, fabricada con cachotería de lousa, é de forma cadrada e mide 9,35 metros de lado e 15 metros de altura. Presenta tres corpos ou pisos, así como ventás de granito e antano unha porta, tamén de pedra granítica, que sen dúbida poñía en comunicación a torre co Pazo de Sobrada (ó que nos referiremos a continuación) no que se atopaba un escudo procedente da citada torre.

> Casa Señorial de Sobrada (Sobrada de Aguiar)

Imagen

Sito a uns metros da torre, hai un muro que pasando próximo a mesma torre, forma un patio que encerra este conxunto. A portada deste patio, ostentaba un escudo cuartelado con armas dos Andrade, Aguiar e Ribadeneira que se atopa, na actualidade, no Museo Provincial de Lugo.

A casa principal é de planta rectangular con dependencias auxiliares laterais, de menor altura, unha das cales chega a enlazar ca torre. Presenta ademais muros de cachotería de lousa, enfoscados, enlucidos e pintados de branco.

Imagen

Rodeado de terreos dedicados ao cultivo e pastos, hoxe úsase como casa de labranza.

> Casa-Torre de Penelas (San Pedro Félix de Robra)

Sobre esta casa, Manuel Vázquez Seijas escribe que Fernando Alonso de Aguiar (herdeiro da Casa de Aguiar), casado con Clara Alonso da Barreira (filla de Pedro Núñez Sanjurjo das Penelas) foron señores e viviron na citada Casa –torre de Penelas, mentres que os seus netos chegaron a formar parte da sucesión na liña dos Páez, liñaxe galego que probou repetidas veces a súa nobreza nas ordes de Santiago, Calatrava, Carlos III e Don Xoán de Xerusalén, así como nas Reais Chancelerías de Valladolid e na compañía de Gardas Mariñas.

> Pazo de Guevara (San Pedro de Taboi)

Imagen Erixido no século XVII polos Pardo Ribadeneira preséntase este conxunto composto dun edificio principal, unha capela barroca encostada e varios edificios auxiliares, pechado por unha sólida muralla de cachotería de máis de 3 metros de altura. Fora do recinto amurallado aparecen un pombal redondo e campos dedicados á labranza.

O edificio principal está composto por dous corpos unidos en forma de "L", con planta baixa e alta destinándose á baixa as cabalerías e servizos.

Na fachada principal, aparece unha pedra de armas de estilo barroco (últimos anos do s. XVII) na cal figuran os seguintes emblemas: unha aguia (en alusión os Aguiar ou Pardo), unha árbore cunha imaxe feminina, un lobo e unha cruz cunha serpe entre ondas (singular representación dos Ribadeneira e Saavedra) e bandas con armiños (dos Guevara).

Fábrica de cachotería revocada e pintada, galería no ángulo inferior e escalinata antano de cantería labrada que leva ata un soportal que chega ata a capela.

Actualmente dedicada a casa de labranza, presenta un estado de conservación bastante descoidado.

> Pazo-Torre de Taboi (San Pedro de Taboi)

Imagen Primitivo solar dos Saavedra, do que hoxe só resta en pé unha torre incompleta, en estado ruinoso, parcialmente cuberta de maleza. Presenta unha forma de pirámide truncada de base cadrada, ou case; fábrica en cachotería de lousa e chea ata un tercio de altura, aproximadamente, de cascallos. Presenta na fachada S.O. cunha única porta de acceso, que corresponde á desaparecida ponte levadiza, mentres que na parte alta S.E. hai unha pequena fiestra con lintel triangular de granito.

Do pazo propiamente dito, podemos citar dúas casiñas unidas, xa desaparecidas, segundo palabras de Manuel Vázquez Seijas -pouco maiores cá unha casa antiga de labrador pobre-: A casa de Bordón e a casa do Pacio.

> A Casa de Bordón

Imagen Presentaba nunha das súas paredes unha pedra de armas de granito en forma trapezoidal, cun escudo no seu centro, o cal, representaba unha aguia abrazada por un cordón dunha orde relixiosa. Na parte inferior tiña batente, o que indica que servía nun principio, de lintel.

> A Casa do Pacio

Imagen Tiña tamén pedra de armas con emblemas dos Saavedra, Ribadeneira e Bolaño (unha cruz con dúas bandas, outra con cinco vieiras, un año e un bolo).

Nos costados do escudo apréciase unha inscrición pouco lexible que segundo o memorial da casa de Saavedra, dirixido ó Rei Carlos III (1652) dicía:

-Estas armas ha tomado de otras muchas que
tengo por que me las han dexado essos de
donde vengo.-

Neste mesmo memorial cítase un terceiro escudo cun lobo ou loba arrimado a unha árbore mirando unha estrela (símbolo do apelido Lobera ou Lobeira) hoxe desaparecido.

Nunha segunda acta de posesión da casa fortaleza de Don Fernando de Saavedra, Ribadeneira e Aguiar (20 de Outubro de 1666) mencionase a existencia neste conxunto señorial de torreóns, murallas, foxos e contrafosos, así como da desaparecida ponte levadiza, a cal, segundo esta acta, era de madeira, situada por riba do foxo e que chegaba ata a porta principal da casa, onde estaban colocadas as pedras de armas. Na actualidade e dende 1960 (aproximadamente) os citados escudos inseríronse na fachada dunha casa que mantén o nome da Casa de Bordón (sita en San Pedro de Taboi).

Outras casas con escudo no Concello son:

> A Casa de Saa (San Lourenzo de Aguiar)

Imagen

>Dúas casas en San Martín de Guillar

A casa de José Espiño López, na cal aparece inserido na fachada o escudo que pertencía a unha edificación anterior.

Tamén aparece un escudo na casa de Calierio, no lugar de Matelos.

>A Casa-Forte dos Araujo (hoxe desaparecida) en San Martín de Guillar

Ó formar o Padrón de Callaíta, da xurisdición de Camba e Rodeiro, os encargados da recollida de datos dixeron que na freguesía de Guillar había unha casa-torre que pertencera a Don Pedro Rodríguez de Araujo, pasando logo ás mans do seu fillo, Pedro Araujo Somoza.

>Casa - Escudo en Mosteiro

Familiarmente coñecida como Casa da Valiña.

>Casa de Gondai (San Xoán de Parada)

Propiedade de D. Eduardo Menéndez esta casa foi utilizada como escenario da película "Cuando vuelvas a mi lado" da directora de cine Gracia Querejeta.

Imagen

Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .