> As Igrexas

> Igrexa parroquial de Aguiar (San Clodio)

Imagen Igrexa pequena, primitiva, parece de orixe románico con posteriores transformacións. O lateral Sur da nave semella ser a parte máis antiga, ca súa porta de lintel sobre mochetas e unha seteira. A cuberta, de lousa, cubre nun mesmo plano, nave e capela maior, unha terceira auga na parte posterior da capela é de muros un pouco máis amplos. Pequena sancristía no lateral Norte. O frontispicio con porta alintelada ofrece grandes bloques colocados irregularmente.

O pavimento é de pezas de lousa e a cuberta de armadura de madeira, rústica. O presbiterio carece de arco triunfal e presenta un chan de grandes lousas e un banzo de acceso. Pequeno atrio - cemiterio ó redor da igrexa.

Retablo barroco (século XVIII) de catro columnas salomónicas formando tres fornelas: San Clodio (0.69), un bispo (0.65) e no ático Cristo (0.40). Tódalas pezas son da época de retablo. Conta ademais cunha pía bautismal (0.77).



> Igrexa parroquial de Aguiar (San Lourenzo)

Imagen Igrexa simple, barroca (s. XVII). Notorias reformas diminuíron o seu valor artístico. Atrio - cemiterio ó redor. Nave con humilde cruceiro formado por dúas capelas laterais. Sancristía no lateral Norte do presbiterio. Porta con lintel semi-arqueado, ventá rectangular e espadana de dous vanos. Esquinais de boa pedra de granito, o resto está revocado de cal. Bóveda ficticia de canón e no presbiterio de aresta. Pía bautismal na capela lateral Sur.

Sen retablo e sen tallas. Un altar con mesa de granito e no fondo un Cristo de escaiola.







> Igrexa parroquial de Arcos

Imagen Igrexa de tipo rural, pero con notas peculiares. Nave corrida, a dúas augas, ca parte posterior máis elevada, como se quixera formar cúpula, a catro augas e un ventá por lado. Frontispicio con porta alintelada, no medio dúas fiestras con reloxo no centro e espadana de dous vanos. Toda a igrexa está revocada de cal.

No lateral Norte sobresaen a capela dedicada ó Ecce Homo. Coro ós pés, no alto cuberta de madeira. O presbiterio cóbrese a tres augas, con arco triunfal de medio punto en aresta. Sancristía na parte posterior.

· Retablos: un na capela (sen valor). Ecce Homo (1.10), boa peza de San Antonio Abad, pequena talla.

· Altar da Nosa Señora das Angustias, na nave, adherido ó piar da arcada da capela, ca Piedade (0.90), boa peza coa inscrición que sigue: -Antº Sanjurjo la esculpió-; parece ser obra do mesmo autor có dos anxos sitos no retablo maior da catedral de Lugo.

· Altar maior, sen valor, con San Ramón no ático (0.50). Do arco triunfal colga un Cristo popular (0.60), do século XVII.

· Sancristía: Cristo (0.30), San Xoán (0.32), San Cosme (0.26), dous Ecce Homo (0.32) e a Piedade (0.18); tallas populares do século XVI. Unha mesa con artísticos adornos (S. XVIII).



> Igrexa parroquial de Aspai

Imagen Igrexa de tipo popular barroca (s. XVII), con atrio-cemiterio ó redor. Nave de bo cadeirado de granito, cuberta a dúas augas, de lousa, con armadura de madeira. O antigo altar de madeira foi substituído por un de pedra. A porta principal ten arco de medio punto. Espadana de dous vanos, con relevos de franxas verticais nos tres piares.

A capela maior, máis ampla e elevada cá nave, a catro augas e muros de pedra rebocados. Arco triunfal de medio punto, en aresta. Un banzo semicircular, de granito, da acceso ó presbiterio.

· Retablo sinxelo, neoclásico, dun corpo de columnas lisas e capiteis xónicos. No centro un pavillón de dúas columnas xónicas, estriadas, que soportan un conxunto triangular de anxos e unha pomba, inmersos nun nimbo. Ático con pintura que representa ó Pai Eterno, Xesucristo e Pomba; e na parte inferior, ós seus pés, a bola do mundo (s. XIX). Tallas de San Cipriano (0.70) con vestimenta episcopal e o Santo Anxo da Garda (0.70). Porta do sagrario con relevo dun cáliz.

Na sancristía , Virxe do Rosario (s. XVIII).



> Igrexa parroquial de Bonxe

Imagen Igrexa con cuberta corrida sobre a nave e a capela maior, a dúas augas, formando unha terceira na parte posterior da capela maior, muros revocados de cal, con bloques de granito descubertos nas partes máis nobres. Sancristía na parte posterior do edificio, e unha capela lateral á dereita da nave.

Porta de acceso con lintel semiarqueado, ventá rectangular e espadana de dous vanos. Os muros da capela maior sobresaen un pouco ós da nave.

Coro ós pés, con fronte semicircular e balaustrada de madeira. No lateral dereito, arco de acceso, de granito, a un local destinado á pía bautismal (0.60) e a dous confesionarios. Presbiterio con arco triunfal de granito e armadura de madeira a catro augas.

· Pequeno retablo con catro columnas estriadas que soportan un frontón. Tallas de escaiola.



> Igrexa parroquial de Caboi

Imagen Igrexa un pouco illada do poboado. Nave e capela maior no mesmo plano, de cuberta a dúas augas, sobre as que se resgarda a sancristía no lateral Norte. Bos perpiaños de granito. Porta principal alintelada, óculo e espadana dun vano con notorios acroterios barrocos. Pavimento de laxas de lousa, armadura de madeira. Coro alto ós pés, de fronte semicircular.

Presbiterio con arco de acceso de medio punto, en aresta, cuberta con armadura a tres augas, de madeira.

· Retablo maior de pequenas proporcións, barroco, de finais do século XVIII, con tallas de época: A Nosa Señora das Vitorias, San Xosé (0.76), San Antonio (0.76), San Martiño de Tours e San Isidro. Un retablo no lateral dereito da nave, sen valor, con tallas de San Roque (0.60), San Gregorio (0.80) e San Xoán Bautista (0.50), (século XVII).




> Igrexa parroquial de Candai

Imagen Igrexa barroca, de bonitas proporcións, ampla. Toda revocada de cal, agás o frontis, que é de grandes bloques de granito ordenados en perpiaños. Portada de lintel semiarqueado, óculo e torre de dous corpos. Acceso baixo grosos muros para suxeite da torre. Piso co centro de granito e os laterais de madeira. Coro alto ós pés. Porta e dúas ventás no lateral Sur.

· Retablos sen valor. O maior, amplo, con tallas de San Miguel (0.75) e San Antonio (0.71) [s. XVIII]. Os dous laterais foron substituídos recentemente por tallas modernas.

· Capela maior, de maiores dimensións e máis elevada cá nave, cadrada, a catro augas. Arco triunfal de medio punto, sobresaínte. Piso de granito. Posterior ó presbiterio e con dous accesos á sancristía.

· Pía bautismal (0.65) e pía de auga bendita.
A igrexa actual foi reedificada en 1877, sobre os restos dunha antiga, seguramente románica.



> Igrexa parroquial de Castelo

Imagen Igrexa sinxela, dun só corpo, con sancristía na parte posterior, máis reducida e baixa cá nave. Porta principal con lintel semiarqueado, ventá ampla, rectangular, con enreixado de ferro. Torre dun corpo. Piso de madeira. Pía bautismal á esquerda e no lateral dereito acceso ó coro. Cuberta a dúas augas, de lousa e madeira.

Capela maior con arco triunfal de acceso ó presbiterio, de medio punto en aresta.

· Retablos: O maior, neoclásico (s. XIX) dun só corpo: O Salvador co mundo na man esquerda, San Antonio (0.85); pezas do século XVIII. Un Cristo pendurado da parede (s. XVI). Nas peañas laterais, San Isidro e San Ildefonso (s. XVII). No lateral dereito a Virxe co Neno e tres anxos (s. XVII - XVIII).


A imaxe de San Isidro procede dunha ermida que houbo, dedicada ó Santo no marco de Labrada, Castelo e Vilela.

A actual igrexa foi capela de San Ildefonso, como reza unha inscrición (ano 1640).



> Igrexa parroquial de Cela

Imagen Igrexa moderna con amplo atrio - cemiterio e contorno de grandes carballos. De cruz latina, cuberta de lousa e muros de pedra revocados de cemento. Nave esvelta, cunha porta lateral Sur, a dúas augas, porta principal con lintel semiarqueado e ventá con lintel semicircular, espadana de dous vanos. Piso de cemento, coro de madeira sobre os pés, pía bautismal, á esquerda, con debuxos xeométricos e pé cadrado. Cruceiro con cúpula sobre catro arcos de medio punto, cuberta a catro augas, máis elevada cá nave, e iluminada a través de catro óculos laterais.

· Retablo maior, moderno, sen valor. Retablo da capela lateral dereita, neogótico ca Inmaculada e San Roque, o Neno, un can e unhas chaves ós pes (s. XVII).

· Cruz parroquial de prata repuxada (s. XVIII).





> Igrexa parroquial de Folgueira

Imagen Templo dun só corpo, sancristía na parte posterior, con cuberta máis baixa có resto. Frontispicio esvelto. Espadana de dous vanos, porta alintelada e ventá sobre ela. Coro alto, ós pés. Igrexa ben coidada sen interese peculiar.

· Retablo barroco (s. XVII); un corpo de tres fornelas, e ático: San Nicolás (0.70), San Fernando (0.65), San Antonio (0.65), Inmaculada (0.70) cas mans xuntas e peaña de cabeza de anxo. Na sancristía, caixa con relevo de ánima, Santo Cristo (0.22). Atrio - cemiterio ó redor da igrexa.



> Igrexa parroquial de Francos

Imagen Igrexa que, xunto ás de Martul e Robra, constitúen os tres templos de construción máis antiga do Municipio (en documentos medievais xa se fai referencia á de Francos), conservando elementos románicos. Da construción primitiva, a igrexa que nos ocupa, conserva a ábsida, con tramo recto, cuberto con bóveda de canón un pouco apuntado e tambor semicircular. Á beira Norte da devandita ábsida uniuse modernamente a sancristía.

Frontispicio de espadana, dous vanos e porta alintelada. Nave a dúas augas, lousa e armadura de madeira, cuberta por unha falsa bóveda. Porta no lateral Sur, moderna.

· Retablos: o maior sen valor, tallas populares de San Pablo, San Roque e San Xosé. Lateral dereito, barroco, unha fornela, dúas columnas salomónicas. Lateral esquerdo, barroco, abundante ornamentación: Virxe e ático co Pai Eterno (s. XVII - XVIII).



> Igrexa parroquial de Gaioso (Santiago)

Imagen Igrexa que ofrece un nobre aspecto, con grosos muros de granito. Nave a dúas augas, porta lateral Sur. Frontispicio con porta alintelada e esvelta espadana de dous vanos. Coro alto ós pés.

Presbiterio máis elevado e amplo cá nave, a catro augas. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Pavimento do templo con grandes pezas de granito. Atrio - cemiterio ó redor.

Sancristía no lateral Norte do presbiterio, cun segundo acceso á capela de San Roque, a cal posúe unha ampla arcada de acceso.

· Retablos: capela maior, barroca, século XVIII - XIX, de corpo central con tres fornelas e catro columnas salomónicas. Ós laterais deste corpo central hai dous retablos pequenos, barrocos, máis antigos có central.

· Imaxes: No ático, Santiago Matamoros, boa peza de principios do s. XIX; nos laterais San Xoán e San Antonio.

· Pía bautismal moderna, con relevo (un querubín e a cabeza de Santiago peregrino en pé). No atrio consérvase unha mesa de pedra que era usada antigamente para poxar ofrendas que facía a xente cando lles enfermaba algún animal.



> Igrexa parroquial de Gaioso (Santo Tomé)

Imagen O templo ocupa a parte superior do poboado, nun lugar pintoresco con atrio - cemiterio ó redor.

Nave corrida, de granito, e cuberta de lousa sobre armadura de madeira e entaboado interior en bóveda de canón. Coro alto ós pés. Frontispicio con porta alintelada, espadana dun vano. O presbiterio, máis amplo cá nave, presenta un arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Pavimento de pezas de granito. A sancristía na parte posterior.

· Retablo neoclásico, sen interese: San Xosé (0.65), pintado (S. XVII); Inmaculada, pintada, con peaña de nimbo e serpe (século XVIII), San Blas (0.40), popular, antigo.







> Igrexa parroquial de Guillar

Imagen Igrexa con amplo atrio - cemiterio ó redor. Frontispicio de bloques de granito, porta alintelada. Torre esvelta, de granito, en dous corpos. Nave a dúas augas, cun trasteiro no lateral Sur. Dúas capelas laterais dan ó templo aspecto de cruz latina. Pavimento de pezas de granito.

· Retablos: Na capela maior, un barroco, con pequeno corpo dunha fornela e dúas columnas salomónicas por lado; San Martín (0.90), peaña con bustos de anxos e nos laterais San Ramón (0.60) e San Indalecio (0.70). Banco con bustos humanos e ático con medallón (s. XVIII - XIX).
Lateral dereito, simple, San Xosé (0.60), a Virxe do Rosario (0.50), San Sebastián e dous anxos.
Lateral esquerdo, barroco, un pequeno corpo con tres fornelas: San Antonio (0.55), San Bartolomé (1.55) e San Bieito [monxe] (0.60).

· Pía bautismal (0.68).




> Igrexa parroquial de Martul

Imagen Igrexa románica con pequeno atrio - cemiterio ó redor. Agás a ábsida, toda a fábrica sufriu unha reforma total. Levantouse unha nova nave e dúas capelas laterais que lle dan forma de cruz latina. O frontis presenta granito e espadana de dúas augas, as capelas a tres augas.

Igrexa moderna do século XIX, sen valor especial. Toda revocada de cal. Espadana de dous vanos e porta alintelada. Presbiterio sen arco triunfal.

· Pequeno retablo barroco, mutilado na parte central, con catro columnas salomónicas: San Roque (0.59), San Antonio (0.67). Sagrario, bo, con dúas columnas salomónicas. Na sancristía, Cristo (0.43), San Sebastián (0.60), a Virxe do Rosario (0.67), con dúas pequenas tallas ós pés.





> Igrexa parroquial de Mosteiro


Ábsida románica, máis baixo e reducido ca nave, formado por dous planos, rectangular e semicircular. Érguese sobre boas pezas de granito. No centro da parte semicircular elévase un contraforte que chega ata un ventá, hoxe tapiado. Sancristía no lateral Sur.

· Retablos: Na capela maior un neogótico: San Pedro (1.10), titular. Na capela lateral Sur, tamén neogótico: San Miguel (0.90) e un Santo Monxe (1.70). Na capela lateral Norte, neogótico: San Xosé (0.55) e San Antonio (0.60). No ángulo que forma esta capela ca ábsida instalouse o púlpito de artística base e fuste monolítico.



> Igrexa parroquial de Matela

Imagen Igrexa sinxela. O nome de Mosteiro adxudícaselle só á Igrexa, que, quizais, foi erguida sobre as ruínas dun primitivo convento. É de planta rectangular, frontis con perpiaños irregulares de granito, con arco de medio punto. A igrexa está revocada de cal. Cóbrese a dúas augas, con lousa sobre madeira con cinco vigas. O Presbiterio é amplo. Pavimento de laxas de lousa e atrio - cemiterio ó redor da igrexa.

· Pequeno retablo barroco: O Salvador (0.69), titular; San Pedro (0.58), Santo Cristo (0.61). Tallas populares do século XVII.



> Igrexa parroquial de Outeiro de Rei (San Xoán)

Imagen Obra do século XVIII con atrio - cemiterio ó redor. Frontispicio de granito, porta alintelada, espadana de dúas campás. Nave a dúas augas, cuberta de lousa sobre a armadura de madeira, con falsa bóveda de canón. Coro alto ós pés. Presbiterio, máis alto e reducido cá nave, a catro augas. Arco triunfal de medio punto, de boas pezas de granito.

No lateral Norte da capela de San Ramón, cóbrese a tres augas, bo artesanado, en cadrados. Un pórtico sinxelo protexe a porta de acceso, no lintel léese: Esta capela fíxose á conta dos votos de San Ramón. Año 1734.

· Retablos: son todos modernos, agás o da capela de San Ramón, retablo barroco de dous corpos. O inferior, tres fornelas e catro columnas salomónicas, con acios e follas: San Ramón (0.95), San Antonio (0.70). O superior, tres fornelas: San Máteo (0.55), San Ildefonso (0.50) recibindo a casula de mans da Virxe (século XVIII).



> Igrexa parroquial de Outeiro de Rei (Sta. Mariña)

Imagen Igrexa de plano rectangular. O frontis con acceso en arco, espadana dun vano. Todo o templo está revocado de cal. Nave a dúas augas, bóveda de medio punto, rebaixado, de cemento. Pavimento máis elevado cá nave, a catro augas, bóveda de canón. Arco triunfal de medio punto. Sancristía no mesmo corpo do presbiterio na parte posterior, con dous accesos.

· Retablo e imaxes: retablo sinxelo (s. XVIII), de características renacentistas con sobria decoración barroca. Un corpo de catro fornelas. Sobre o sagrario, expositor de catro columnas: a Virxe (0.80), co Neno adherido ó seu peito, coroa de madeira; San Roque (0.70). Tallas do século XVI - XVII, boas. Nos laterais do altar dúas fornelas: San Justino e Santa Lucía.
Presenta dous escudos na nave, un pouco borrosos, cuarteados. No esquerdo aparece unha aguia, tres peixes e unha media lúa, no medio de cinco estrelas. No dereito, unha aguia, peixes e barras, ademais dun "M" cun círculo e cinco caldeiros. Inscricións pouco lexibles de data 1625.



> Igrexa parroquial de Parada

Imagen Igrexa de planta de cruz latina, formada por dúas capelas laterais, con presbiterio máis amplo e elevado, e sancristía no lateral Sur. Frontispicio de granito, porta alintelada, óculo e espadana dun vano coroada por outro pequeno corpo. Toda a fábrica está revocada de cal, nave cunha porta lateral Sur, capelas a tres vertentes e presbiterio a catro. Atrio - cemiterio rodeado de enormes carballos. Obra barroca do século XVIII.

No interior o piso é de granito. Pía bautismal de mármore e á dereita o acceso ó coro, de madeira. Na porta lateral, pía de auga bendita (0.45).

Capelas laterais con retablos e tallas sen valor.

· Retablo maior de grandes proporcións, ocupa todo o lenzo posterior do presbiterio, neoclásico, século XIX, dun corpo de tres fornelas e outras dúas laterais, coroado por un ático semicircular.
Tallas: Inmaculada e Dolorosa, e nos esquinais superiores: A Virxe do Rosario (0.70) e San Roque (0.70), con medallón de fondo.



> Igrexa parroquial de Paz

Imagen Casa reitoral e atrio - cemiterio forman un pintoresco conxunto. O templo é do século XVIII, con reformas posteriores, bo granito. Frontispicio de espadana, nave a dúas augas, lousa sobre valiosa armadura de madeira. Dúas capelas laterais a tres augas e presbiterio máis elevado a catro augas. Sancristía na parte posterior cunha soa vertente.

No interior o piso é de cemento. Conxunto de artísticos bancos de castiñeiro, pía bautismal moderna e de mármore. Coro de madeira, sen balaustrada, sinxelo. Porta lateral Sur e pía de auga bendita (0.77).

· Dous arcos laterais, de aresta, dan acceso ás capelas, con retablos sen valor, no lateral esquerdo: Cristo (0.40), século XVIII.
No presbiterio, arco triunfal rebaixado e un retablo, sen valor, neoclásico, que ocupa o lenzo superior do citado presbiterio, con dous corpos: Cristo (0.65) do século XVI, boa peza e outras dúas imaxes sen interese. Porta do sagrario con relevo.



> Igrexa parroquial de Robra

Imagen Igrexa románica (século XIII) con notorias reformas do século XVIII, que lle deron forma de cruz latina, con dúas capelas laterais, a tres augas e máis baixas cá cuberta da nave, pegada a parte rectangular do lateral sur está a sancristía. O cruceiro elévase, a catro augas, sobre toda a fábrica. A sancristía atópase na parte lateral Sur do templo.

Conserva da fábrica románica a porta principal e unha fiestra no frontis. A porta, de medio punto, con tres arquivoltas e capiteis de ornamentación vexetal.

A nave ten piso de cemento e un trasteiro no lateral Sur. Cuberta de madeira con falsa bóveda de canón, de aresta nas capelas e no corpo central. Ábsida e frontispicio de boa pedra de granito.

· Esculturas: pezas mediocres. Na capela lateral Sur pequeno retablo barroco (século XVIII), con dúas columnas salomónicas, unha fornela e ático co busto do Pai Eterno. Nunha peaña, Santa Bárbara (0.55), século XVI. Noutra, a Virxe do Carme, de vestir. Na capela lateral Norte, retablo similar ó da outra capela, a Nosa Señora dos Dolores, de vestir, e Cristo Xacente nunha urna, século XIX (1.30). Na ábsida, retablo sen valor: San Miguel (1.00), século XVIII, ca balanza; boa talla.

A imaxe actual da Virxe das Dores data de 1862, e a do Sto Ecce-Homo de 1863 así como a súa Urna.



> Igrexa parroquial de Silvarrei

Imagen Igrexa con nave rectangular, cuberta de lousa a dúas vertentes, sobre madeira, en tres planos lonxitudinais interiores. Frontispicio de granito, porta alintelada, ventá alongada, espadana dun vano. Presbiterio máis amplo e elevado cá nave, a catro augas. Arco triunfal, en aresta, sobre pilastras.

· Retablo barroco, dun corpo, cun encadramento, franqueado por dous pares de columnas salomónicas: San Froilán e Santa Inmaculada (século XVIII). No retablo lateral dereito apareceu San Xoán e a Virxe (barrocos, s. XVII) e Santa Marta (século XVII).





> Igrexa parroquial de Sobrada

Imagen Igrexa moi simple. Frontispicio con porta de arco, espadana dun vano. Nave corrida, cuberta de lousa, moi baixa. Muros revocados de cal, arco triunfal de medio punto.

· Retablo neogótico, sinxelo. Virxe do Carme (0.70), boa talla barroca do século XVIII. No interior da igrexa aparece un Cristo (0.65) do século XVII, bo, abichado.





> Igrexa parroquial de Taboi

Imagen Templo con atrio - cemiterio ó redor. Nave a dúas augas, máis ampla có presbiterio. Na zona Sur, á altura do arco triunfal, hai unha arcada que da acceso a unha capela cuberta a tres augas. Frontispicio de granito, porta alintelada sobre a que se atopa unha pedra cas chaves e a tiara de San Pedro en relevo. Espadana de dous corpos, dúas troneiras no inferior e unha no superior.

Sancristía na parte posterior do presbiterio e coro semicircular, con balaustrada de madeira ós pés do templo.

· Retablos: O maior, sen interese, neoclásico (S.XIX), imaxe de escaiola.
Na capela lateral, retablo neogótico, sinxelo, coa Virxe do Rosario (0.63), co Neno e un rosario; boa talla (s. XVII).
No lateral esquerdo, retablo neogótico: San Pedro (1.00), moderno, con peixes na man esquerda, cruz aspada na dereita; ó lado, outra pequena imaxe de San Pedro (0.30), San Antonio (0.71), cun libro e co Neno; outro Santo, cun libro e un manto (quizais San Pedro). Pezas, todas elas, dos séculos XV e XVII.



> Igrexa parroquial de Vicinte

Imagen Templo barroco, construído con boa pedra de granito. A nave é a dúas vertentes, sobre madeira. Porta e ventá no Sur. Frontispicio con porta alintelada, óculo e espadana de dous corpos, dous vanos no inferior, un no superior. O presbiterio é máis alto cá nave, a catro augas. Arco triunfal amplo, de aresta.

· Retablo: Neoclásico, dun corpo. Tres fornelas: Asunción (titular), Anxo da Garda (boa peza); San Antonio. Tallas do século XVII.







> Igrexa parroquial de Vilela

Imagen Igrexa sinxela, con muros de lousa, esquinais de boas pezas de granito. Frontispicio con porta e ampla ventá. Torre dun corpo e lanterna de catro pequenos vanos, dúas campás.

Nave e presbiterio no mesmo plano da cuberta, formando unha terceira vertente sobre o presbiterio na súa parte posterior. O presbiterio sobresae uns 40 cm. dos muros da nave.

O piso é de grandes laxas de lousa. Coro rústico e artesanado. Pía de auga bendita. Altar lateral esquerdo neogótico, un fornelo e dúas peañas. Virxe Dolorosa (de vestir); San Tarsicio e San Antonio (s. XIX). No lateral Sur, pendurando dun muro, Cristo (1.00), talla popular do s. XVI.

· Retablo renacentista no presbiterio, cun fornelo dúas columnas estriadas polos lados e capiteis compostos, coroado por un frontón. Inmaculada (de vestir) con peaña de anxos (século XVIII).

Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .