> Os Cruceiros

No Concello, e de acordo co "Catálogo de cruceiros da Terra Chá: cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei" escrito por Fernando Arribas Arias e Xosé Manuel Blanco Prado, contabilízanse ata 21 cruceiros, todos eles realizados en granito. A profusión destes monumentos, de gran valor etnográfico e artístico, quizais se explique pola abundancia deste material na Terra Chá, en xeral, e en Outeiro de Rei, en particular.

A maioría dos cruceiros amosan figuras escultóricas nalgunha parte dos mesmos (no fuste, no capitel o na cruz). Entre os elementos representados destaca a decoración xeométrica e os instrumentos da paixón nos dous primeiros, mentres que na cruz as figuras que máis se repiten son: Cristo crucificado, a figura dunha Piedade ou a Dolorosa sobre peaña. En canto a súa localización, atopámolos, ben nos adros das igrexas ca función de santificar os lugares, ben nas encrucilladas de camiños co fin de cristianizar uns puntos considerados maléficos na mentalidade popular, ou ben ó carón dun viario (camiño, pista, estrada...) para indicar a separación de límites parroquiais ou dar a coñecer divisións de alturas.

> Cruceiro de Bullas

Sito no interior dunha finca particular ó carón da estrada a Castro de Ribeiras de Lea, no lugar de Bullas (parroquia de Arcos). En bo estado de conservación, foi construído no ano 1883 segundo a inscrición que presenta na base. Imagen
  Cruceiro de Bullas

> Cruceiro da Igrexa

Emprazado nun cruzamento de estradas da parroquia de Arcos. Descoñecemos a data da súa construción pero si sabemos o nome do seu autor: "Joseph Lop Arias" grazas á inscrición que aparece na súa base. Imagen
  Cruceiro da Igrexa

> Cruceiro de Sta. Comba

Atópase no lugar de Sta. Comba (Aspai). De propiedade particular foi mandado construír polo cura de Distriz (Vilalba) no ano 1897, segundo reza a inscrición da súa base, na que tamén queda reflectido como o bispo de Lugo concedeu indulxencias ós fregueses que rezaran diante deste cruceiro. Imagen
  Cruceiro de Sta. Comba

> Cruceiro de Caboi

Sito nun cruzamento de camiños preto da igrexa parroquial. Non presenta ningunha inscrición, pero si elementos decorativos típicos dos cruceiros deste Concello como por exemplo, o Cristo crucificado e a Dolorosa sobre peaña no anverso e reverso da cruz, respectivamente. Imagen
  Cruceiro da Caboi

> Cruceiro do Cemiterio

Emprazado no cemiterio parroquial de Candai, esta "cruz dos caídos" establece división de opinións entre os que pensan que podería ser considerada máis un panteón funerario que un cruceiro no sentido puro do termo, e os que avogan por introducilo neste índice. Imagen
  Cruceiro do Cemiterio

> Cruceiro de Meidonín

Sito nun cruzamento de camiños no lugar de Meidonín (parroquia de Cela) é de propiedade particular. Presenta dúas inscricións: unha na base na que se le "San Roque", debaixo da representación escultórica do mesmo Santo e dun devoto. E outra no fuste, onde aparece a data do cruceiro: 1885. Imagen
  Cruceiro de Meidonín

> Cruceiro de Quintián

Atópase ó carón dunha pista preto do cemiterio parroquial de Cela. De propiedade pública, ata hai uns trinta anos os nenos que morrían sen bautizar eran enterrados xunto ó mesmo. Imagen
  Cruceiro de Quintián

> Cruz da Reboreda

Sita enriba dunha pena, a carón dun camiño no lugar de Reboreda (Francos). Carece de calquera elemento decorativo e só na parte inferior da cruz hai unha inscrición ilexible cunha data que podería ser 1838 ou 1858. Imagen
  Cruz da Reboreda

> Cruceiro do Campo da Feira

Atópase no camiño cara a "Penas de Rodas" na parroquia de Gaioso (Santiago). De propiedade pública foi construído por canteiros da parroquia vilalbesa de Román no ano 1900, de acordo á inscrición que presenta no fuste. Imagen
  Cruceiro do Campo da Feira

> Cruceiro da Lama

Coñecido tamén como Cruz de Chousa está emprazado nun cruzamento de camiños entre os lugares de Lama e Longarela (Gaioso Santiago).

En bo estado de conservación, destaca a presenza dun Cristo de metal na cruz.
Imagen
  Cruceiro da Lama

> Cruz de Guillar

Situado nun cruzamento de camiños da parroquia de Guillar. Esta cruz, que data do ano 1896, sinalaba o camiño da igrexa.

> Cruceiro de San Martiño

Sito na parroquia de Guillar, ó carón da pista que leva á igrexa. Presenta no capitel a data da súa construción, 1840, aínda que no ano 1988 foi reconstruído polo canteiro Juan Abad Calvo. Imagen
  Cruceiro de San Martiño

> Cruceiro da Igrexa

Atópase no interior da igrexa de Martul, fíxose hai uns vinte anos (aproximadamente) polo canteiro de Lugo, Manuel Baamonde coa colaboración de moitos fregueses.





> Cruceiro de Matela

Sito nun cruzamento de camiños do lugar e parroquia de Matela, presenta un regular estado de conservación. Hai uns sesenta anos os pequenos sen bautizar eran enterrados ó carón deste cruceiro. Imagen
  Cruceiro de Matela

> Cruceiro de Gondai

De propiedade particular está situado nunha carballeira a carón do Pazo de Gondai (Parada). Unha Piedade e a figura de Cristo coroan este monumento.

> Cruceiro de San Paio

Asentado nunha propiedade particular ó carón da capela de San Paio (Parada). Ausencia de elementos decorativos no monumento.

> Cruceiro de San Marcos

Sito nun cruzamento de camiños, foi límite entre os concellos de Castro de Rei e Outeiro de Rei. Foi construído no ano 1816 por "Julio Pez", de acordo a inscrición que presenta no fuste, sendo restaurado en 1989 por Darío Rozas. Imagen
  Cruceiro de San Marcos

> Cruceiro de Bravos

Atópase nun cruzamento de camiños no lugar de Bravos (Vicinte). De propiedade pública, atópase nun bo estado de conservación. Imagen
  Cruceiro de Bravos

> Cruceiro de Vicinte

Sito nun cruzamento de camiños ó carón da estrada de Lugo a Friol. Presenta unha placa de mármore no seu fuste na que se le: "Recuerdo del Ilmo. Sr/D. Jose Ferreiro/ Gayoso/ Canonigo de la Sta. Iglesia / Catedral B. de Lugo". Imagen
  Cruceiro de Vicinte



> Cruceiro de Vilela Grande

Sito no adro da igrexa parroquial de Vilela, foi construído polo escultor Mallo no ano 1982.

En bo estado de conservación.
Imagen
  Cruceiro de Vilela Grande

> Cruceiro de Vilela Pequena

Atópase enriba dun valado e á beira dun camiño no lugar de Vilela pequena (Vilela). Presenta unha inscrición en placa de mármore na que se le: "Rogad a Dios por /D. Manuel Gallego/ Muerto en este sitio/ el 31 de Marzo de 1945/ a los 42 años/ Tu esposa hijos y Vecinos/ no te olvidan/". Imagen
  Cruceiro de Vilela Pequena

Para completar este índice de cruceiros mencionar tamén a CRUZ DE SAA (parroquia de San Lourenzo), a CRUZ DE XUEUS e a chamada "CRUZ DA MISIÓN", en madeira antiga, situada ó carón dun vello carballo parece ser a lembranza do asentamento nestas paraxes de misioneiros (estas últimas atópanse na parroquia de Gaioso).

Imagen Imagen Imagen
Cruz de Saa Cruz de Xueus Cruz da Misión
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .