> Actualidade

26/06/2017 11:47

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Hai once anos que o primeiro sábado do mes da sega a vila de Outeiro de Rei acolle a celebración da feira de artesanía, evento  que transforma o vivir cotián dos veciños e veciñas do municipio e converte ese día nun día moi especial, cheo de encanto e múltiples posibilidades para os milleiros de persoas que se dan cita no lugar.

A XI FEIRA DA ARTESANÍA  DE OUTEIRO DE REI ofrecerá moitas opcións para gozar dese día  pois o Concello de Outeiro de Rei non cesa no empeño de acadar que todo o mundo que veña marche deste municipio con boas sensacións e co desexo de volver para o ano que ven así que imos enumerar algunha desas múltiples posibilidades:

  • EXPOSITORES. Para este sábado hai confirmados 98 postos repartidos en dúas seccións: artesanía e alimentación.

A sección de artesanía  oferta gran variedade de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA EN MADEIRA, TRAXE REXIONAL,GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL,  FERRO, ARTESANÍA TÉXTIL, CANTARÍA,MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES, XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL,  COSTURA CREATIVA, ETC… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.

Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

  • De olaría, realizadas por representantes de dúas importantes  olarías de tradición de Galicia:Niñodaguía e Gundivós. Tamén estará presente a olería de  Bonxe (Outeiro de Rei).
  • De fabricación de tellas, levada a cabo polo telleiro de O Rosal, Pepe Álvarez, O Buraco.
  •  Tamén zona dos oleiros situarase  o posto de Xaneco, luthier de Outeiro de Reique realizará demostración de construción dunha zanfona (instrumento musical de corda con teclado usado nas súas orixes para acompañar cantos relixiosos e máis tarde por xograres e cegos).
  • Na rúa D, haberá unha representación da Asociación Corazóns Artesáns, guiada pola súa presidenta, Chicha Lombao Ferreiro, que fará diferentes demostracións (macramé, bolillos…) e da a Asociación Bolboreta Fiandeira  que fará demostración de fiado de la. Ambas entidades loitan co seu labor por manter viva a tradición de diferentes oficios e labores artesanais.
  • Na rúa Manuel María exhibición de cantaría a cargo do escultor Juan José Fdez. Ferreira.
  • No Campo de Santa Isabel estará o escultor de madeira con motoserra Marcos Mariño.
  • Varios expositores máis (de instrumentos musicais, cantaría, decoración de tellas, torneado madeira, alfarería, coiro,  calceta, tallado de cristal, gancho, coiro, tear…),  farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.

Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 24 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, queixos de diferentes variedades, conservas de castañas, marmeladas, mel, viño e licores, aceite de Quiroga, doces, cereixas, cervexa artesá, sidra ecolóxica, xeados etc..

Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén unha representación do produtor de avicultura artesanal Chousa do Lea, produtor da raza galiña de Mos ademais dun posto da ONG Miradas al Mundo.

Tamén estará presente nesta onceava edición da feira a unidade móbil Rural Discovery da iniciativa PRESUME DE PUEBLO, unidade equipada coas últimas tecnoloxías; entre outras opcións, ofrecerán a posibilidade ás persoas que se acheguen de participar nun fhotocall no que presumir de municipio.

  • CARREIRA SOLIDARIA.  Asociación SOMOS SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a III CARREIRA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.

A primeira das categorías previstas, a absoluta, cun percorrido de 6 km ten a saída programada das proximidades do Concello ás 10:30 h e o remate no Campo de Santa Isabel.

O resto de competicións desenvolveranse integramente no Campo de Santa Isabel a partir das 11:30 h:infantil e cadete (2002 ao 2005, 1400 m), prebenxamín e benxamín (2006 ao 2011,  700 m) e chupete (2012 ao 2017, 100 m).

Ao remate das mesmas haberá uns pinchos no entorno do centro de interpretación ao aire libre situado á entrada do Campo  de Santa Isabel e posteriormente, ás 13:00 h,  se realizará a entrega de trofeos.

A recadación irá destinada á Asociación SOMOS Unidos por el Cáncer.

As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición a través da páxina de Championchip: www.championchipnorte.com. No momento de redacción desta nova hai 152 persoas inscritas nas diferentes categorías pero aínda poden ser moitas máis.

  • XOGOS, TALLERES E ESPECTÁCULOS. A partir das 12:00 h,  están previstos varios obradoiros  dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:
  • Na rúa Manuel María haberá un obradoiro de maquillaxe e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:
  • obradoiro de atrapasonos, para facer atrapasonos con elementos naturais e obxectos de refugallo
  • decoramos o noso pisapapeis con diferentes símbolos celtas
  • ximkana de xogos cooperativos
  • e obradoiro de xogo tradicional (sogatira, pita cega, carreira popular de sacos…)

Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos e en varias delas repartiranse varios premios  aos/ás participantes que gañen algunha proba (mochilas, camisetas…).

  • A empresa ENTREFOR SC instalara unha tirolesa para diversión de  nen@s de 6 a 12 anos aproximadamente. Ademais ofrecerá a posibilidade de trepa co xogo que denominan escalabirras. Estas actividades de interacción coa natureza realizaranse no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, en horario de 12:30 h a 14:00 h e pola tarde a partir das 16:00 h.
  • Na zona dos oleiros en horario de 16:00 h a 21:00 h, haberá o tradicional taller  de barro, un dos materiais máis primitivos e puros que permite experimentar moitas sensacións e dar renda solta á creatividade.

Igualmente, para o público infantil, está pensado o espectáculo de monicreques VACACIÓNS NO MAR, a cargo de MIRCROMINA que terá lugar na Praza do Concello, nas inmediacións da Casa Consistorial, a partir das 17:45 h.; cunha duración aproximada de 45 minutos é un espectáculo cargado de emoción, acción e interacción co público ideal para gozar en familia.

Todas estas actividades están promovidos polo Concello de Outeiro de Rei e son gratuítas para o público.

  • ACTUACIÓNS MUSICAIS:
  • Ás 13:00 h, diante do Concello, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música Sons e Soños dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte.
  • Ás 13:30 h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodasque tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.
  • EXHIBICIÓNS

No Campo de Santa Isabel terán lugar:

A partir de primeira hora da mañá, nas  inmediacións do circuíto deportivo,   está prevista a tradicional e sempre singular  DEMOSTRACIÓN DE TRABALLOS FORESTAIS CON MOTOSERRA a cargo  da empresa ENTREFOR SC que realizará pequenas figuras utilizando esta ferramenta, figuras que serán repartidas entre o público asistente. Tamén  levara a cabo traballos en altura, charlas explicativas sobre a seguridade nos traballos forestais e diferentes actividades de contacto coa natureza dirixidas a rapaces, como a que denominan escalabirras.

Tamén, a partir das 13:00 h, terá lugar unha CONCENTRACIÓN DE COCHES do CLUB 600 DE LUGO  na que se darán cita diferentes modelos do mítico 600 pero tamén outras marcas de  coches clásicos e motos.

Igualmente, nas inmediacións da capela, ás 18:30 h terá lugar unha EXHIBICIÓN CANINA, realizada polo Grupo de Traballo Canino EUSKOGAL que durante aproximadamente hora e media  con cans de diferentes razas (entre eles, pastores belgas malinois, golden retriever, pastor alemán, bordes collie, labrador, bloodhound…) farán exhibicións de agility, detección de sustancias, de mordida deportiva, haberá unha exhibición da Unidade canina de rescate de Padrón…

  • BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está  previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:
  • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
  • PENAS DE RODAS
  • SALTO DO PIAGO
  • IGREXA DE ROBRA
  • CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.

  • E PARA COMER  a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o MESÓN DE ALBERTO ofrecerá a posibilidade de  mercar polbo estilo feira, empanadas, lacón… e outros moitos produtos.

Este espazo natural é utilizado tamén por  familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.

Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén un posto  de xeados, de algodón de azucre e garapiñadas, de cervexa…

O horario de comidas está previsto a partir das  13:30 h. 

  • SORTEO E CONCURSOS

Este ano o Concello estreou conta en Instagram con motivo da convocatoria dun concurso de fotografía. Para participar no concurso é necesario ser usuario da aplicación móbil Instagram, ser maior de idade e seguir a @outeirorei. A temática das fotografías será a propia feira de artesanía e/ou calquera recuncho con encanto polo que a feira discorre.

Poden participar no  concurso  todas as fotografías subidas entre o día 1 e 3 de xullo de 2017 que deberán ser etiquetadas #feiraouteiro2017.

Haberá dous premios, un de 100 € e o segundo de 50 €; as fotos premiadas serán as que obteñan maior número de likes.

Tamén, este ano por primeira vez dentro das actividades da feira, o Concello de Outeiro de Rei promove un concurso de pintura ao aire libre no que poden participar tanto aficionados como profesionais que sexan maiores de idade.

A inscrición é libre e gratuíta e as persoas que desexen participar deberán selar os bastidores na caseta do Concello de Outeiro de Rei o mesmo día da feira en horario de 9:00 a 10:30 h.

A temática das obras será a propia feira de artesanía e/ou calquera recuncho con encanto polo que a feira discorre. O concurso resolverase ás 20:30 h; neste caso haberá un primeiro premio de 300 €, o 2º de 200 € e o 3º de 100 €.

Lembrar tamén  que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de  10 premios de 50 € cada un deles;  a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello. O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados será difundida a través dunha das orquestras que actúen esa noite nas festas de Santa Isabel, na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 08/07/2016. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org

As bases destes concursos están dispoñibles na web municipal www.outeiroderei.org e nas redes sociais.

Pero non marchen aínda de Outeiro de Rei. Despois dunha xornada chea de emocións,  aínda queda moito máis… Ás 24:00 h, haberá  sesión de fogos artificiais cos que despediremos a onceava edición da feira e moita noite para gozar na praza da vila das tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei.

GOCEN CON NÓS DUN MARABILLOSO DÍA, DE TODA UNHA LONGA FIN DE SEMANA DE FESTA E SEMPRE, SEMPRE, BETI, FOREVER, TOUJOURS … DE OUTEIRO DE REI :)

Este ano, ARDE OCTODORUM!!!



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .