> Actualidade

23/06/2017 14:44

> INMINENTE APERTURA DO PRAZO PARA SOLICITAR ESPAZO NO VIVEIRO INDUSTRIAL DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

O Concello de Outeiro de Rei abrirá o prazo de solicitude de espazos no viveiro industrial  tan pronto sexa publicada no BOP da Deputación de Lugo a convocatoria reguladora da admisión de industrias no referido espazo.

O viveiro de industrial do Concello de Outeiro de Rei é unha acción impulsada por este concello e que contou cunha importante achega económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (270802 €); o  obxectivo fundamental desta infraestrutura é facilitar o nacemento de novas empresas de carácter industrial ofrecendo as condicións e servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado, empresas que deberán ser viables economicamente.

O viveiro de industrial ofrece as seguintes naves:

Nave 1………………………………………………131,56 m2

Nave 2………………………………………………126,75 m2

Nave 3………………………………………………126,75 m2

Nave 4……………………………………………... 131,56 m2

As persoas beneficiarias poderán optar a unha nave completa ou á metade, en función das súas necesidades.

O viveiro industrial de Outeiro de Rei está destinado a empresas de nova ou recente creación de carácter industrial; este espazo está situado no parque empresarial de Outeiro de Rei.

Terán a consideración de candidatos/as para o uso do viveiro industrial aquelas persoas físicas ou xurídicas con proxectos de creación de empresas e empresas establecidas que vaian desenvolver unha nova liña de actividade e que cumpran os seguintes requisitos previos:

a) As empresas non constituídas terán 3 meses para facelo desde a data da resolución.

b) Empresas constituídas nun prazo inferior aos 6 meses desde a data de solicitude.

c) Ter domicilio social e fiscal en Outeiro de Rei na data de resolución.

No caso de empresas con domicilio fóra do Outeiro de Rei, terán un prazo de 3 meses desde a data de resolución para domiciliarse en Outeiro de Rei.

d) A empresa deberá desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial.

e) As empresas deben presentar un proxecto que garanta a súa viabilidade económica e técnica e unha solicitude de admisión. A persoa ou empresa encargada polo Concello de Outeiro de Rei do asesoramento empresarial, será a encargada de  valoralo e facer un informe.

O tempo de permanencia no viveiro será de doce meses estando prevista a posibilidade de prorrogar este prazo de estancia  por motivos extraordinarios  por un período máximo de doce meses.

Dende a publicación no BOP da citada convocatoria  abrirase un prazo de dous meses para a presentación de solicitudes por parte das persoas interesadas, pasado o cal o Concello de Outeiro de Rei disporá dun prazo dun mes para valoralas e resolver as adxudicacións.

Unha vez resolta esta primeira convocatoria, no caso de quedar locais vacantes no viveiro, as solicitudes iranse resolvendo segundo se presenten e ata cubrir os espazos dispoñibles.



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .