> Actualidade

09/03/2017 11:00

> O CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CONVOCADO POLO DÍA DA MULLER  XA TEN  IMAXES GAÑADORAS

Onte, Día Internacional da Muller,  déronse a coñecer as fotografías premiadas no I Concurso de Fotografía A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI quedando inaugurada a mostra polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo.


COCEDOIRO
RAMÓN VIVERO VEIGA


XUGADA
TAREIXA RODRÍGUEZ BARREIRO

As fotografías premiadas foron:

Na sección de fotografías antigas, a fotografía titulada XUGADA, achegada por TAREIXA RODRÍGUEZ BARREIRO, escena tomada en Matela nos anos 50 do pasado século.

Na sección de fotografías actuais a fotografía COCEDOIRO fotografía realizada por RAMÓN VIVERO VEIGA, o 30 de Nadal de 2011 en Matela.

Segundo recolle a acta do xurado composto por Mª José Martínez Vigo, concelleira de servizos sociais, Blanca Arrojo Farelo, traballadora social e Soledad Picón Acal, axente de emprego e desenvolvemento local:

“O traballo da muller no fogar e na explotación rural estaba naturalizado como o estaba a súa non valoración, aínda hoxe seguemos a falar disto; ambas fotografías serven e axudan a recoñecer o traballo da muller en ambos ámbitos.

En XUGADA vemos unha muller que guía unha xugada de vacas que tiran dun carro do país  con fungueiros e ladrais a punto de arrancar seguramente para recoller alimento nunha leira próxima (patacas, herba para o gando…).

En COCEDOIRO observamos unha muller a punto de rematar os traballos previos a meter os bolos de pan para a súa cocción no forno de leña. As mulleres antano eran artífices e responsables da valiosa e fundamental tarefa da elaboración do pan. O pan elaborado na casa era unha compoñente importantísima na dieta cotiá das familias campesiñas e aínda hoxe pervive, como observamos na fotografía seleccionada, o costume de facer pan en moitas  casas e mesmo estamos asistindo a unha recuperación desta tradición secular.”

As persoas premiadas recibiron 200 € e un diploma acreditativo.

Para esta convocatoria houbo un total de 9 fotografías e lamentablemente houbo que deixar fóra  fóra de concurso unha solicitude por ser presentada fóra de prazo.

A exposición completase cunha pequena mostra de fotos do arquivo fotográfico do Concello de Outeiro de Rei.

A exposición estará aberta na Casa da Cultura ata o  día 31  deste mes en horario de 10:00 h a 14:30 h.

Esta actividade organizada polo Concello de Outeiro de Rei é unha das actividades  que se están a desenvolver na actualidade dentro da programación de Actividades de Promoción da Muller 2017.











« Volver
Presentación | Descrición | Historia | Turismo | Servizos municipais | Novas | Axenda | Ocio | Empresas | Vivenda | Teléfonos | Buzón | Emprego | Listas | Inicio
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .