> Actualidade

03/02/2017 22:00

> O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DA MULLER PREVISTAS PARA O PRIMEIRO SEMESTRE DESTE ANO

O Concello de Outeiro de Rei realizou este venres a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2017 que como é habitual danse a coñecer o primeiro venres de febreiro.
A 17ª edición desta tradicional programación oferta a través de 9 actividades un total de 203 prazas, cifra na que non se inclúe  a celebración do Día Internacional da Muller  ao ser unha celebración de portas abertas.
Finalizada a presentación abriuse o prazo de inscrición ata o día 24 de febreiro para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:

  • USOS DE INTERNET NA VIDA COTIÁ

Está previsto que as persoas que participen nesta actividade reciban  nocións que lles facilitarán o coñecemento das numerosas oportunidades que ofrece internet aplicadas á vida diaria tales como: realización de trámites bancarios, comunicarse cos demais (a través de Skype, whatsaap…), recursos para ter controlados @s máis pequen@s,  realización de compras on line, o uso de plataformas de compra venda de artigos de segunda man, mercado inmobiliario, contratación de viaxes, visionado de programas de TV ou de  películas por internet,  tramites como a declaración da renda, a solicitude de cita previa na AEAT ou na Seguridade Social, comprar un billete de tren ou autobús, contratar un hotel ou compartir coche para unha viaxe… ..

- IMOS Á PISCINA
Están previstos 2 grupos con 8 prazas cada un deles:  un de XIMNASIA NA AUGA (aquagym) e o outro de INICIACIÓN Á NATACIÓN.
Estas actividades  se desenvolverán en Lugo, no  centro deportivo AQUALIFE.


- TALLER DE ELABORACIÓN DE XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL
A través deste taller ofrecese a posibilidade de recuperar antigos saberes, de aprender a usar ingredientes naturais en beneficio da nosa saúde.
As participantes aprenderán a realizar xabóns para a limpeza doméstica reciclando aceites usados e xabóns en frío para uso cosmético atendendo ás características de cada tipo de pel.
Tamén realizaranse outros cosméticos como labiais, tónicos, pomadas…


Por outro lado, con motivo da celebración do Dia Internacional da Muller,o Concello organiza un concurso de fotografía que baixo o título A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI pretende visibilizar o traballo das mulleres no concello de Outeiro de Rei en diferentes eidos da nosa sociedade e en calquera ámbito (público ou privado).


Establécense dúas categorías:

  • FOTOGRAFÍAS ANTIGAS
  • FOTOGRAFÍAS ACTUAIS

O premio será 200 € para a fotografía gañadora de cada sección. Os traballos pódense presentar no rexistro do Concello (presencialmente ou por correo postal certificado) a partir do luns día 6 de febreiro ata o día 24 deste mes, ambas datas incluídas.
Cos traballos que se presenten esta previsto realizar unha exposición que será inaugurado o día 8 de marzo, data na que se darán a coñecer as fotografías gañadoras e  na que se realizara a entrega de premios.

Entre as novidades presentadas polo alcalde, José Pardo Lombao, e a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo,  destaca a posta en marcha do CORREO DA IGUALDADE no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal ou a través do enderezo electrónico muller@concellodeouteiroderei.org, as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.


Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións  na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.


>> Descarga o programa
>> Descarga as bases do concurso de fotografía
>> Accede ao correo da igualdade



« Volver
Presentación | Descrición | Historia | Turismo | Servizos municipais | Novas | Axenda | Ocio | Empresas | Vivenda | Teléfonos | Buzón | Emprego | Listas | Inicio
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .