> Actualidade

29/06/2016 14:38

> O Concello de Outeiro de Rei acollerá a celebración do II Torneo de Padel 2016

O evento desenvolverase do 9 ao 17 de xullo e contará coa presenza de varios xogadores do top 20 mundial

  • O alcalde de Outeiro de Rei subliñou a importancia deste evento deportivo para poñer o Concello no mapa das probas deportivas de elite.

Outeiro de Rei, 29 de xuño de 2016.-  O Concello de Outeiro de Rei acollerá  a celebración do II torneo de Padel 2016 que se vai desenvolver nas instalacións do centro deportivo D10 do 9 ao 17 de xullo  e no que van participar, como mínimo, catro parellas clasificadas entre as primeiras 20 do mundo.

O director do torneo, Pablo Real, fixo fincapé no éxito que supón poder contar con deportistas de elite e dixo que “ como mínimo oito xogadores forman parte do top 20 do World Padel Tour, a máxima referencia mundial neste deporte”.

En concreto e entre outros, participarán no II Torneo de Padel 2016 as parellas formadas polos xogadores Gonzalo Díaz-Luciano Capra e Guga Vázquez-Borja Yribarren.

Pablo Real mostrouse convencido de que este torneo se pode consolidar como referente a nivel galego no eido do pádel e lembrou que as instalacións deportivas nas que se vai desenvolver esta proba xa acolleron torneos nacionais e autonómicos e están homologadas para acoller outras probas internacionais.

Por parte da organización agárdase que participen arredor de 120 parellas e invítase á xente a inscribirse no torneo con independencia do nivel deportivo de cada un xa que, en palabras de Pablo Real, “para iso están as diferentes categorías”.

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, manifestou a importancia que este evento ten para o Concello xa que, segundo dixo, “ademais de incentivar a práctica deportiva, supón un pulo grande para poñer o noso Concello no mapa das probas deportivas de alto nivel, coa repercusión turística e económica que iso supón para o noso municipio”.

O prazo de inscrición para participar nesta proba estará aberto ata o día 7 de xullo ás 14 horas e os interesados poderán formalizar este trámite no centro deportivo D10 ou na plataforma web www.doblered.es.

Categorías e premios

Co obxectivo de lograr unha participación ampla, este torneo estrutúrase en varias categorías nas que pode participar todo o mundo independentemente do nivel de xogo. Así, haberá unha 1º masculina/2º masculina (cascada hasta 4º), unha 1º feminina/2º feminina (cascada hasta 3º), unha mixto cascada hasta 2º/sub 12/sub 16, e unha veteranos (suma + 90)/veteranas (suma+90).

Os prezos para os participantes na primeira categoría serán de  10 € para os aboados e 15 para o resto, en canto á segunda categoría, os aboados pagarán 18 € e o resto, 25 €; na terceira categoría o prezo será de 25 €  para os aboados e 35 para o resto. En canto á categoría infantil, a participación será gratuita para os aboados e será de 5 € para os demais.

 Os premios, para a 1º masculina e 1º feminina,  serán de  500 € para os campións, 250 € para os subcampións, 125 € para os ½ finalistas e 62,50 € para os ¼ finalistas. Para o resto de categorías haberá trofeos e/ou material deportivo.



« Volver
Presentación | Descrición | Historia | Turismo | Servizos municipais | Novas | Axenda | Ocio | Empresas | Vivenda | Teléfonos | Buzón | Emprego | Listas | Inicio
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .