> Actualidade

27/06/2016 12:28

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Dende hai dez anos, o primeiro sábado de xullo, a vila de Outeiro de Rei amence consciente da singularidade dun día no que veciños e veciñas do municipio e milleiros de visitantes acoden a unha cita especial, a celebración da feira de artesanía.

A X FEIRA DA ARTESANÍA  DE OUTEIRO DE REI ofrecerá moitas opcións para gozar dese día  pois o Concello de Outeiro de Rei, entidade organizadora deste evento, quere celebrar de forma moi especial os dez anos dunha feira xa consolidada dentro do panorama cultural e festivo da provincia ofrecendo moitas posibilidades para ese día. Imos enumerar algunhas delas:

·      EXPOSITORES. Para este sábado hai confirmados 101 postos repartidos en dúas seccións: artesanía e alimentación.

A sección de artesanía  oferta gran variedade de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA EN MADEIRA, TRAXE REXIONAL,GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL,  FERRO, ARTESANÍA TÉXTIL, XOGOS ARTESANAIS DE ENXEÑO,  CANTARÍA, PINTURA AO ÓLEO, MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES, XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL, PATCHWORK, COSTURA CREATIVA, ETC… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.

Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

-       De olaría, realizadas por representantes de catro importantes  olarías de tradición de Galicia: Bonxe (Outeiro de Rei), Buño, Niñodaguía e Gundivós.

-        Na zona dos oleiros situarase tamén o posto da Xaneco, luthier de Outeiro de Rei que realizará demostración de construción dunha zanfona (instrumento musical de corda con teclado usado nas súas orixes para acompañar cantos relixiosos e máis tarde por xograres e cegos).

-       Na rúa D, a Asociación Corazóns Artesáns, guiada pola súa presidenta, Chicha Lombao Ferreiro, fará diferentes demostracións (cestería, macramé, bolillos…) ao igual que a Asociación Bolboreta Fiandeira  que fará demostración de fiado e cardado de la con animación de música tradicional. Ambas entidades loitan co seu labor por manter viva a tradición de diferentes oficios e labores artesanais.

-       Varios expositores máis (de instrumentos musicais, cantaría, tallado de cristal, gancho, coiro, tear…),  farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.

Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 22 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, queixos,  conservas de castañas, zumes, marmeladas, mel, viño e licores, aceite de Quiroga, doces, cereixas, cervexa artesá, xeados etc.. Destacar dentro desta sección a presentación que se fará no posto VOLTA Ó SACHO da fariña de trigo e salvado ecolóxico Callobre, variedade de trigo autóctono utilizada antigamente apta para uso doméstico e de panadería artesanal e que foi recuperada sen tratamentos xenéticos; é comercializada pola  Fábrica de Fariñas a Callobresa asentada en Guitiriz.

Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén unha representación de Galimós, produtores da raza galiña de Mos e  da iniciativa de Triacastela, Cachenas de San Breixo ademais dun posto da ONG Miradas al Mundo.

Tamén estará presente nesta décima edición da feira a unidade móbil Rural Discovery da iniciativa PRESUME DE PUEBLO, unidade equipada coas últimas tecnoloxías; entre outras opcións, ofrecerán a posibilidade ás persoas que se acheguen de participar nun fhotocall no que presumir de municipio ou de que nenos e nenas participen nun concurso de pintura.

Ademais, partindo da obra realizada polo pintor Miguel Angel Martínez Coello que estará presente na feira, Manuel María, 48 momentos,  farán unha homenaxe ao escritor outeiriense homenaxeado o pasado 17 de maio.

·      CARREIRA SOLIDARIA. A Asociación SOMOS SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a II CARREIRA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.

A primeira das categorías previstas, a absoluta, cun percorrido de 10 km ten a saída programada das proximidades do Concello ás 10:30 h e o remate no Campo de Santa Isabel.

O resto de competicións desenvolveranse integramente no Campo de Santa Isabel a partir das 12:30 h: infantil e cadete (2000 ao 2005, 1400 m), prebenxamín – benxamín (2006 ao 2009,  700 m) e chupete (2010 ao 2014, 100 m).

 

Ao remate das mesmas haberá uns pinchos no entorno do centro de interpretación ao aire libre situado á entrada do Campo  de Santa Isabel e posteriormente, ás 14:00 h,  se realizará a entrega de trofeos.

A recadación irá destinada á Asociación SOMOS Unidos por el Cáncer para afrontar gastos do proxecto Somos Casa.

As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición a través da páxina de Championchip: www.championchipnorte.com

  • XOGOS E TALLERES. A partir das 12:00 h,  están previstos varios obradoiros  dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:

-       Un de barro, que  se situará nas inmediacións dos oleiros e que será  guiado por eles mesmos. @s participantes deste taller recibirán un pequeno agasallo. Tamén poderase recoller nesta zona, ata esgotar existencias, un prato conmemorativo da feira.

-       Na rúa Manuel María haberá un obradoiro de maquillaxe e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:

ü de xoias celtas

ü elaboramos o noso baúl con elementos da natureza

ü ximkana de xogos cooperativos

ü e obradoiro de xogo tradicional (sogatira, pita cega, carreira popular de sacos…)

Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos e en varias delas repartiranse varios premios entre os/as participantes (mochilas, camisetas…)

 

-       A empresa ENTREFOR SC instalara unha tirolesa para diversión de  nen@s de 6 a 12 anos aproximadamente. Ademais ofrecerá a posibilidade de trepa polas árbores. Estas actividades de interacción coa natureza realizaranse no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, en horario de 12:30 h a 14:00 h e pola tarde a partir das 16:00 h.

Todos estes talleres e xogos, promovidos polo Concello de Outeiro de Rei, son gratuítos.

·      ACTUACIÓNS MUSICAIS:

-       Ás 12:45 h, diante da Casa Consistorial, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música Sons e Soños dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte.

-       Ás 13:30 h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodas que tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.

-       Ás 19:00 h na Praza do Concello terá lugar unha actuación de baile rexional a cargo da Asoc. Río Miño de Portomarín.

·      PASEOS EN BATUXO

O Concello de Outeiro de Rei ofrece por primeira vez a posibilidade de realizar paseos en batuxo polo río Miño dende o Campo de Sta. Isabel  en horario de 16:30 a 18:30 h. Esta actividade é gratuíta.

Por razóns de seguridade, establecese que poderán subir ao batuxo @s nen@s de 6 ou máis anos que estean acompañados por un adulto.

 

·      EXHIBICIÓNS

No Campo de Santa Isabel terán lugar:

A partir de primeira hora da mañá, nas  inmediacións do circuíto deportivo,   está prevista unha DEMOSTRACIÓN DE TRABALLOS FORESTAIS CON MOTOSERRA a cargo  da empresa ENTREFOR SC que realizará pequenas figuras utilizando esta ferramenta, figuras que serán repartidas entre o público asistente. Tamén  levara a cabo podas en altura e  charlas explicativas sobre a seguridade nos traballos forestais.

Tamén a partir das 13:00 h terá lugar unha CONCENTRACIÓN DE COCHES da ASOCIACIÓN LUCENSE DE AUTOMÓVILES ANTIGÜOS Y CLÁSICOS  e do CLUB 600 DE LUGO. Teñen previsto a partir das 17:00 h realizar  probas de habilidade, por exemplo haberá unha carreira de motos na que o gañador da proba será o vehículo  máis lento (sen levar o pe ao chan).

Igualmente, nas inmediacións da capela, ás 18:30 h terá lugar unha EXHIBICIÓN CANINA DE OBEDIENCIA E DEFENSA DEPORTIVA, a cargo do Grupo de Traballo Deportivo Fontao.

·      BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está  previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:

-       CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)

-       PENAS DE RODAS

-       SALTO DO PIAGO

-       IGREXA DE ROBRA

-       CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 35.

·      E PARA COMER  a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o RESTAURANTE A PALLOZA ofrecerá a posibilidade de  mercar polvo, churrasco e outros moitos produtos.

Este espazo natural é utilizado tamén por  familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.

Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén un posto  de xeados, de algodón de azucre e garapiñadas…

O horario de comidas está previsto a partir das  13:30 h. 

·      SORTEO E AGASALLOS

Esta edición da feira tamén será especial pola gran cantidade de agasallos que se repartirán dende as 12:00 h (hora de inauguración da feira) ata as 21:00 h (hora de peche dos postos); está previsto que  haxa polo menos 10 agasallos/hora repartidos por todo o percorrido da feira. Así, cada un dos establecementos que  participan nesta décima edición regalará un produto, polo que mercar na feira de Outeiro pode ter premio xa que cada un dos establecementos premiará nun momento da xornada cun agasallo a realización de compras.

Lembrar tamén  que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de  10 premios de 50 € cada un deles;  a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello.

O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados será difundida a través dunha das orquestras que actúen esa noite nas festas de Santa Isabel, na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 08/07/2016. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org

Pero non marchen aínda de Outeiro de Rei. Despois dunha xornada chea de emocións,  aínda queda moito máis… ás 24:00 h haberá  sesión de fogos artificiais cos que despediremos 10 anos de feira dando paso na praza da vila, ás tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei.

GOCEN CON NÓS DUN MARABILLOSO DÍA, DE TODA UNHA LONGA FIN DE SEMANA DE FESTA E SEMPRE, SEMPRE, FOREVER, TOUJOURS … DE OUTEIRO DE REI J



« Volver
Presentación | Descrición | Historia | Turismo | Servizos municipais | Novas | Axenda | Ocio | Empresas | Vivenda | Teléfonos | Buzón | Emprego | Listas | Inicio
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .