> Actualidade

18/05/2016 12:05

> ONTE, DÍA GRANDE EN OUTEIRO DE REI POR E PARA MANUEL MARÍA

Dende que o día 4 de xullo de 2015 a Real Academia da Lingua dera a coñecer que Manuel María ía ser o escritor homenaxeado este ano no Día da Letras Galegas, moitas son as persoas que ata Outeiro de Rei se foron achegando,  sobre todo á Casa-Museo Manuel María, buscando coñecer en moitos casos a súa orixe, a súa obra e legado cultural, pero tamén para percorrer os diferentes espazos que na obra do poeta aparecen retratados.

Onte non foi menos e dende primeira hora da mañá a vila de Outeiro de Rei foi recibindo a familiares, amizades, membros da Academia, autoridades autonómicas, Corporación Municipal en pleno, persoas vinculadas á vida política e social da provincia, medios de comunicación, amantes da súa obra…

Os actos institucionais da homenaxe que tiveron como anfitrioa a Saleta Goi, viúva do escritor e presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos,  foron organizados pola Academia da Lingua e pola Xunta de Galicia.

O acto institucional da Xunta de Galicia empezou no CEIP Laverde Ruíz co descubrimento dunha placa conmemorativa continuando despois no salón de actos da Casa da Cultura coas intervencións do alcalde do Concello de Outeiro de Rei, o presidente da RAG e o presidente da Xunta de Galicia.

Posteriormente, xa na Casa-Museo Manuel María, celebrouse o acto institucional da RAG no que interviñeron os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana,  o presidente da Xunta de Galicia e o presidente da RAG.

En moitos destes momentos a música tivo un protagonismo importante con varias actuacións, entre elas, a da banda municipal dos Concellos de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte, Sons e Soños.

No medio de ambos actos, o Concello de Outeiro de Rei acolleu a visita do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que asinou no Libro de Ouro.

A xornada rematou cunha comida de celebración na casa de turismo rural Río Ladra.

ALGÚN MOMENTOS EN IMAXES

































Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .