> Actualidade

29/06/2015 08:12

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Dende hai nove anos, o primeiro sábado de xullo, a vila de Outeiro de Rei amence consciente da singularidade dese día no que veciños e veciñas do municipio e milleiros de visitantes acoden a unha cita especial, a celebración da feira de artesanía.
A IX FEIRA DA ARTESANÍA  DE OUTEIRO DE REI, feira organizada polo Concello de Outeiro de Rei dende o ano 2007, ofrecerá moitas opcións para gozar dese día. Imos enumerar algunhas delas:

  • EXPOSITORES. Este sábado atoparemos preto de 100 postos repartidos en dúas seccións: artesanía e alimentación.

A sección de artesanía  oferta gran variedade de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA EN MADEIRA, CALZADO REXIONAL,GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL,  TRAXES REXIONAIS, FERRO, ARTESANÍA TÉXTIL, XOGOS ARTESANAIS DE ENXEÑO,  CANTARÍA, PINTURA AO ÓLEO, MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES, XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL, ETC… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.
Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

  • De olaría, realizadas por representantes das  olarías de tradición de Galicia: Bonxe, Buño, Niñodaguía e Gundivós.
  •  Na zona dos oleiros situarase tamén o posto da cesteira Idoia Cuesta, premio nacional de artesanía na categoría de produto que realizará unha árbore decorativa utilizando vimbio seco podendo participar na elaboración desta peza calquera persoa que o desexe.
  • Na rúa D haberá a tradicional demostración de cestería en palla realizada por Lola de Cela. Ademais, nesta rúa, a Asociación Corazóns Artesáns, guiada pola súa presidenta, Chicha Lombao Ferreiro, fará diferentes demostracións (cestería, macramé, bolillos…) ao igual que a Asoc. Bolboreta Fiandeira  que fará demostración de fiado e cardado de la con animación de música tradicional. Ambas entidades loitan co seu labor por manter viva a tradición de diferentes oficios e labores artesanais.
  • De ferraría, guiada por Enrique Rozas.
  • Varios expositores máis (de instrumentos musicais, torneado de madeira, cantaría, tallado de cristal, gancho, coiro, tear…),  farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.

Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 22 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, queixos (galegos e asturianos),  conservas de castañas e de produtos do mar, zumes, marmeladas, mel, viño e licores, aceite de Quiroga, doces, cereixas, cervexa artesá, venda a granel de produtos ecolóxicos (fariñas, pastas …), etc.
Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén unha representación de GALIMOS, produtores da raza galiña de Mos e  da iniciativa de Triacastela, Cachenas de San Breixo ademais dun posto da entidade Somos unidos por el cáncer, que recadará fondos na loita contra esta enfermidade.

  • CARREIRA SOLIDARIA. A Asociación SOMOS SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a I CARREIRA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.

A primeira das categorías previstas, a absoluta, cun percorrido de 5 km ten a saída programada das proximidades do Concello ás 10:30 h e o remate no Campo de Santa Isabel.
O resto de competicións desenvolveranse integramente no Campo de Santa Isabel; a partir das 11:20 h será a quenda da categoría infantil e cadete (2000 ao 2005).
A seguinte, infantil (2006 ao 2009), está prevista a partir das 11:40 h e a última, chupete (2010 ao 2014), a partir das 12:00 h.
Ao remate das mesmas haberá uns pinchos no entorno do Centro de interpretación ao aire libre existente neste espazo e a entrega de trofeos está prevista no Campo de Santa Isabel ás 14:00 h.
A recadación deste evento irá destinada á  investigación da enfermidade.

  • TALLERES. Durante a xornada estarán en funcionamento varios obradoiros, a maioría destinados ao público infantil:
    • Un de barro, situado nas inmediacións dos oleiros, guiado por eles mesmos. @s participantes deste taller recibirán un pequeno agasallo. Tamén poderase recoller nesta zona, ata esgotar existencias, un prato conmemorativo da feira.
    • Na rúa Manuel María instalarase un obradoiro de maquillaxe.
    • No Campo de Santa Isabel terán lugar varios obradoiros guiados pola empresa Vida Láctea:
      • Obradoiro de elaboración de caretas
      • Espazo de xogos cooperativos
      • Obradoiro de xogo tradicional (para maiores e nen@s)
    • A empresa ENTREFOR SC instalara unha tirolesa para diversión de  nen@s de 6 a 12 anos aproximadamente. Ademais, como novidade, nesta edición da feira ofrecerá a posibilidade de trepa polas árbores e a emoción de pasar dunha árbore a outra a través dunha ponte. Estas actividades de interacción coa natureza realizaranse no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, en horario de 12:30 h a 14:00 h e pola tarde a partir das 16:00 h.

    Todos estes talleres e xogos, promovidos polo Concello de Outeiro de Rei, son gratuítos.

  • ACTUACIÓNS MUSICAIS:
    • Ás 12:45 h, diante da Casa Consistorial, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música de Outeiro de Rei.
    • Ás 13:30 h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodas que tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.
  • EXHIBICIÓNS

No Campo de Santa Isabel terán lugar:
A partir de primeira hora da mañá, nas  inmediacións do circuíto deportivo,   está prevista unha DEMOSTRACIÓN DE TRABALLOS FORESTAIS CON MOTOSERRA a cargo  da empresa ENTREFOR SC que realizará pequenas figuras utilizando esta ferramenta, figuras que serán repartidas entre o público asistente. Tamén  levara a cabo podas en altura e  charlas explicativas sobre a seguridade nos traballos forestais.
Tamén a partir das 13:00 h terá lugar unha CONCENTRACIÓN DE COCHES da ASOCIACIÓN LUCENSE DE AUTOMÓVILES ANTIGÜOS Y CLÁSICOS  e do CLUB 600 DE LUGO.
Igualmente, nas inmediacións da capela, ás 18:30 h terá lugar unha EXHIBICIÓN CANINA DE AGILITY, DOG FRISBEE  E TRUCOS CANINOS, a cargo do Agility Teocan, na que participarán sobre  20 cans de diferentes razas que durante hora e media farán un espectáculo cos seus guías.

  • BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está  previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:
    • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
    • PENAS DE RODAS
    • IGREXA DE FRANCOS
    • SALTO DO PIAGO
    • CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.

  • E PARA COMER  a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o RESTAURANTE A PALLOZA ofrecerá a posibilidade de  mercar polbo (8/€ ración), churrasco mixto con medio criollo (8 €/ración) e outros moitos produtos.

Este espazo natural é utilizado tamén por  familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.
Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén un posto de cervexa artesá e de xeados.
O horario de comidas está previsto a partir das  13:30 h. 

  • SORTEOS

Lembrar que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de  10 premios de 50 € cada un deles;  a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello.
O sorteo terá lugar ás 21:00 h. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org
Despois dunha xornada chea de emocións,  aínda que a feira remata ás 21:00 h, queda moito máis… Na praza da vila, as tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei, daranlles a benvida máis acolledora.

GOCEN CON NÓS DESTE MARABILLOSO DÍA, DE TODA UNHA LONGA FIN DE SEMANA DE FESTA E SEMPRE, SEMPRE, DE OUTEIRO DE REI.


Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .