> Actualidade

06/02/2015 19:00

> O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DA MULLER PREVISTAS PARA O PRIMEIRO SEMESTRE DESTE ANO

Hoxe tivo lugar a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2015 nun acto presidido polo alcalde, José Pardo Lombao, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e persoal técnico do Concello de Outeiro de Rei.
A 15ª edición desta tradicional programación oferta a través de 8 actividades un total de 190 prazas; tamén hai outras actividades, entre elas a celebración do Día da Muller , que son iniciativas abertas ao público en xeral polo que a participación prevista é maior.
Finalizada a presentación abriuse o prazo de inscrición ata o día 24 de febreiro para as seguintes actividades:

- INFORMÁTICA BÁSICA (Internet,correo electrónico e redes sociais)
Está previsto que as persoas que participen neste curso aprendan conceptos básicos para manexar un ordenador, descubrirán as posibilidades de internet,  aprenderán a  buscar información a través de buscadores, a configurar contas e a optimizar o correo electrónico, tramitación on line de axudas, banca electrónica; igualmente verase algo de redes sociais, comunicación on line (foros, chats…) e seguridade en internet.

- CURSO CON VIMBIO VIVO
Curso intensivo de 16 h repartidas en 2 días, impartido en Cela pola cesteira IDOIA CUESTA no se se vai a introducir ás participantes nas diferentes posibilidades que ofrece o vimbio vivo para a realización de estruturas tecidas vivas; o primeiro dos días dedicarase a plantar vimbio nunha maceta, o vimbio irá tecido creando un efecto decorativo: o 2º día realizarase unha sebe.
Recoméndase levar  roupa de traballo adecuada e guantes; o resto de material que se precisa (o vimbio, unha maceta grande, a terra e unhas  bridas) serán proporcionadas ás persoas participantes nesta iniciativa.

- DE FEIRA Á FEIRA MEDIEVAL DE MONFORTE DE LEMOS
Esta  saída está prevista para o domingo 5 de abril. As persoas que asistan poderán visitar a  feira medieval e moverse libremente por Monforte. Esta prevista a visita opcional ao Centro do Viño da Ribeira Sacra (o prezo da entrada individual é de 2,50 € pero se hai un grupo de 10 persoas ou máis redúcese a  2 €). Esta saída completarase coa visita ao Pazo de Thor fixada para as 16:30 h.

- COSTURA BÁSICA E CREATIVA
Actividade impartida por Rosa Mª Vila, veciña de Outeiro de Rei que leva toda a súa vida profesional dedicada á costura. As posibilidades deste taller son amplías e dependen do grado de coñecemento de cada participante e das iniciativas que cada unha teña. Dende o amaño ou reciclaxe de roupa á realización de proxectos como poden ser coxíns, bolsas con diferentes usos, monecas, e un longuísimo etc.

O curso de informática básica está aberto á participación dos homes; o resto de actividades citadas van dirixidas ás mulleres aínda que se rematado o prazo de inscrición quedan prazas libres, estas poderán ser cubertas por homes. Igualmente, durante a presentación informouse que este ano, coincidindo co Día Internacional da Muller Mario Alberto Rivas Carro, Ldo. en Psicoloxía e Enfermeiro Educador no Sergas impartirá a charla titulada Control do estrés e da ansiedade. Técnicas de relaxación..
Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.


Descarga o folleto



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .