> Actualidade

16/12/2014 13:00

> O CONCELLO DE OUTEIRO DE REI ACOLLE UN PROXECTO DE FORMACIÓN DUAL

O Concello de Outeiro de Rei puxo en marcha o día 10 de novembro un proxecto de formación dual que permitiu a contratación de 14 persoas, menores de 30 anos, como aprendices de traballador forestal.

Estas persoas iniciaron a súa actividade realizando diferentes traballos relacionados co proxecto e unha vez que o Concello recibiu a resolución de concesión de subvención para o financiamento da formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe, o pasado 9 de decembro iniciaron a formación. Está previsto que a partir de xaneiro se vaia alternando a formación e a práctica profesional.

Esta  iniciativa   ten como obxecto a cualificación profesional destas persoas, combinando procesos de formación e alternando a actividade formativa coa práctica profesional no posto de traballo o que posibilita ás  persoas traballadoras acadar unha determinada cualificación profesional acreditada.

A actividade formativa do contrato para a formación e a aprendizaxe  será a necesaria para a obtención dos correspondentes  certificados de profesionalidade vinculados a este proxecto que son:

1. Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes

2. Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería

Esta actividade  formativa incluirá tamén formación complementaria en repoboacións silvícolas e de  protección do monte, manexo e mantemento de maquinaria forestal e actividades auxiliares de obra. Ademais dun curso básico de prevención de riscos laborais como formación transversal.

@s alumn@s-traballadores participantes neste proxecto recibirán durante o ano de duración do mesmo 865 h de formación e 975 h  de traballo  nas áreas de: xardinería, traballos forestais e actividades de edificación.


Este proxecto está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, o Fondo Social Europeo, o Ministerio de Empleo y Seguridad Social e o propio Concello de Outeiro de Rei. A inversión total  desta iniciativa  supera os 185 000 €.


    

Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .