> Actualidade

30/06/2014 13:00

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Este sábado, 5 de xullo, terá lugar a VIII FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI, feira que organiza o Concello de Outeiro de Rei  dende o ano 2007 e que cada ano vai dando pasos firmes cara á súa consolidación como cita de interese  no calendario cultural e festivo do verán.
Ese día pasear por Outeiro de Rei permitirá a visitantes e veciñ@s atopar múltiples posibilidades para gozar do tempo de lecer. Imos enumerar algunhas:









EXPOSITORES

Nesta oitava edición da feira atoparemos moitos postos cunha grande variedade de produtos á venda. Teñen confirmada asistencia un total de 99 expositores; 76 deles dentro da sección de artesanía, sección que recolle un amplo abano de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA DA MADEIRA, GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL,  TRAXES REXIONAIS, FERRO, ARTESANÍA TEXTIL, XOGOS ARTESANAIS DE ENXEÑO,  CANTARÍA, MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES, XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL ETC… ). Tamén poderanse mercar tecidos de liño de segunda man e algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.

Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

  • De olaría, realizadas polas catro olarías de tradición de Galicia: Bonxe, Buño, Niñodaguía e Gundivós.
  •  Na zona dos oleiros,  situarase tamén o posto de Xaneco que fará demostración de fabricación de zanfonas.
  • De cestería, demostración levada a cabo por Lola de Cela.
  • De ferraría, guiada por Enrique Rozas.
  • De torneado, a cargo de Jesús Iglesias, torneiro de Ortigueira.
  • Ademais, varios expositores máis de cestería, gancho, tear…,  farán demostración nos seus postos do traballo que realizan.

Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 19 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos (de León e tamén de caza e ibéricos), queixos, patacas, conservas vexetais, zumes, marmeladas, mel, viño e licores, aceite de Quiroga, doces, cereixas …
Fóra destas seccións a feira contará cunha representación da iniciativa asentada en Outeiro de Rei, Vida de Aldea, actividade centrada no aluguer de parcelas destinadas á produción a pequena escala  de produtos de horta de calidade.
A feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén unha representación de GALIMOS, produtores da raza galiña de Mos e da iniciativa de Triacastela, Cachenas de San Breixo.

TALLERES

Ao longo da xornada estarán en funcionamento varios obradoiros, a maioría destinados ao público infantil:

Un de barro, situado nas inmediacións dos oleiros, guiado por eles mesmos. Os participantes deste taller serán agasallados cun bolígrafo. Tamén poderase recoller nesta zona, ata esgotar existencias, un prato conmemorativo da feira.

No Campo de Santa Isabel terán lugar varios obradoiros guiados pola empresa Vida Láctea:

  • Obradoiro de elaboración de marionetas
  • Obradoiro de maquillaxe de fantasía
  • Obradoiro de pintura destinado á realización dun gran mural que será utilizado como fondo dun teatriño
  • Obradoiro de teatro
  • Obradoiro de xogo tradicional (para maiores e nen@s)

Igualmente, e por segundo ano consecutivo,  a empresa ENTREFOR SC, instalara no entorno da demostración de traballos forestais con motoserra, unha tirolesa para diversión de  nen@s de 6 a 12 anos aproximadamente.

Todos os talleres e xogos promovidos polo Concello de Outeiro de Rei son gratuítos.

ACTUACIÓNS MUSICAIS

Ás 12:45 h, diante da Casa Consistorial, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música de Outeiro de Rei.

Ás 13:30 h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodas que tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.

EXHIBICIÓNS

No Campo de Santa Isabel terán lugar:
A partir das 13:00 h, nas  inmediacións do circuíto deportivo,   está prevista unha DEMOSTRACIÓN DE TRABALLOS FORESTAIS CON MOTOSERRA a cargo  da empresa ENTREFOR SC que realizará pequenas figuras utilizando esta ferramenta, figuras que serán repartidas entre o público asistente. Tamén realizará algún  banco e levara a cabo  charlas explicativas sobre a seguridade nos traballos forestais. Cara ao final da xornada,  fará unha corta  dirixida co emprego dun tractel.
Tamén a partir das 13:00 h terá lugar unha CONCENTRACIÓN DE COCHES da ASOCIACIÓN LUCENSE DE AUTOMÓVILES ANTIGÜOS Y CLÁSICOS  e do CLUB 600 DE LUGO.

Igualmente, nas inmediacións da capela, ás 18:45 h terá lugar unha EXHIBICIÓN CANINA DE AGILITY, CANICROSS  E TRUCOS CANINOS, a cargo do Club de Agility Acade, na que participarán sobre  10 cans de diferentes razas.

BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está  previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:

  • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
  • PENAS DE RODAS
  • IGREXA DE FRANCOS
  • SALTO DO PIAGO
  • CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.

E PARA COMER  a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas; nesta ocasión o RESTAURANTE A PALLOZA ofrecerá a posibilidade de  mercar polbo (8/€ ración), churrasco mixto con medio criollo (8 €/ración) e outros moitos produtos.

Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén servizo de bar.
O horario de comidas está previsto a partir das  13:30 h. 

SORTEOS

Lembrar que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de  5 vales de 100 € cada un deles para consumir en establecementos de Outeiro de Rei;  a tal efecto cada establecemento admitido pola organización da feira terá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes que para participar deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello.
O sorteo terá lugar ás 20:15 h. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org
Igualmente, un dos postos da feira situado na rúa D, concretamente o posto de WOOD MODELS, empresa instalada en Outeiro de Rei que se dedica á fabricación  de puzzles e maquetas utilizando técnicas de deseño e montaxe artesanais, repartirá entre os seus clientes, ata esgotar existencias, un chaveiro conmemorativo da feira.
Pero no se vaian todavía,  aínda que a feira remata ás 21:00 h queda moito máis… na praza da vila, as tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei, daranlles a benvida máis acolledora. GOCEN CON NÓS DESTE MARABILLOSO DÍA, DE TODA UNHA LONGA FIN DE SEMANA DE FESTA E POR SEMPRE, DE OUTEIRO DE REI.



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .