> Actualidade

03/07/2012 12:00

> ESTE SÁBADO VISITEN A NOSA FEIRA E ATOPARÁN…

Este sábado, 7 de xullo, terá lugar a VI FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI, feira que organiza o Concello de Outeiro de Rei e que cada ano aumenta o seu protagonismo no calendario cultural e festivo do verán.

Ese día pasear por Outeiro de Rei permitirá a visitantes e veciñ@s atopar múltiples posibilidades para gozar do tempo de lecer. Imos enumerar algunhas:

• EXPOSITORES.

Nesta 6ª edición da feira atoparemos moitos postos cunha grande variedade de produtos á venda. Teñen confirmada asistencia un total de 100 expositores; 82 deles dentro da sección de artesanía, sección que recolle un amplo abano de produtos (DE CERÁMICA, CESTERÍA, ARTESANÍA DA MADEIRA,GANCHO E CALCETA, XOIARÍA, COIRO, INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL, TRAXES REXIONAIS, FERRO, ARTESANÍA TÉXTIL, XABÓNS NATURAIS, XOGOS ARTESANAIS DO MUNDO E DE ENXEÑO, BIXUTERÍA, ENCADERNACIÓN, CANTARÍA, MACRAMÉ, BOLILLOS, MANUALIDADES ETC . ).


Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:

  • De olaría, realizadas polas catro olarías de tradición de Galicia: Bonxe, Buño, Niñodaguía e Gundivós. Na zona dos oleiros este ano volverá a haber unha representación da Cerámica de Castrolandín.
  • De cestería, demostración levada a cabo por Lola de Cela.
  • De ferraría, guiada por Enrique Blanco.
  • De frivolité, realizada por Rosa Mª Fidalgo.
  • De fabricación de instrumentos musicais de percusión tradicional, Dioniso Abual.


Por outro lado, na sección de alimentación atoparemos produtos de panadería, embutidos, queixos, conservas vexetais, zumes, marmelos, mel, viño e licores, verduras frescas, aceite de Quiroga, doces…
Fóra destas seccións a feira contará cunha representación da iniciativa asentada en Outeiro de Rei, Vida de Aldea, actividade centrada no aluguer de parcelas destinadas á produción a pequena escala de produtos de horta de calidade.


Tamén unha representación dos traballos que realizan entidades deste municipio como son a Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel, o Centro Penitenciario de Bonxe e o Residencial Carlos IV.


A feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00h, acollerá tamén unha representación da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz .

• TALLERES.

Ao longo da xornada estarán en funcionamento varios obradoiros, a maioría destinados ao público infantil:

- Un de barro, situado nas inmediacións dos oleiros, guiado por eles mesmos. Os participantes deste taller serán agasallados cun bolígrafo. Tamén poderase recoller nesta zona, ata esgotar existencias, un prato conmemorativo da feira.
- Outro de cestería infantil dirixido por Idoia Cuesta onde os nen@s poderán realizar pequenos cestiños que poderán levar despois como recordo.
- No Campo de Santa Isabel haberá un obradoiro de repostería, cortesía da Panadería Ousá, que funcionará en horario de 17:00h a 19:00h. Nesta zona terán lugar varios obradoiros máis guiados pola empresa Vida Láctea:

  • De tatuaxe con henna
  • Obradoiro de pulseiras
  • Obradoiro de maquillaxe de fantasía
  • Obradoiro de xogo tradicional(para maiores e nen@s)
  • Sombreiro Contaconto
- Igualmente, o posto La Casa de los Juegos situado na rúa D permitirá ao público en xeral xogar e coñecer xogos de taboleiro e tradicionais de diferentes países e culturas.

• ACTUACIÓNS MUSICAIS:

  • Ás 12:45h, diante da Casa Consistorial, terá lugar a actuación da Banda Municipal de Música de Outeiro de Rei.
  • Ás 13:30h, no Campo de Santa Isabel, nas proximidades da carpa destinada á comida, actuará o Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodas que tamén animará as rúas da vila a partir das 18:00 h.

• EXPOSICIÓN

Durante a xornada estará aberta ao público, ao carón da Casa Consistorial , unha EXPOSICIÓN COLECTIVA DE PINTORES LUCENSES que recolle traballos realizados por artistas tan recoñecidos como Quique Bordell, Joaquín Garcia Gesto, Sonia Frade, Mª José Santiso, Christián Villamide, Maximiliano López e o pintor de Outeiro de Rei, Anxo Barreiro.

Un auténtico luxo para amantes da pintura e das artes en xeral.

• EXHIBICIÓNS

Este ano, a partir das 16:00h no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, está prevista unha DEMOSTRACIÓN DE TRABALLOS FORESTAIS CON MOTOSERRA a cargo da empresa ENTREFOR SC que realizará pequenas figuras utilizando esta ferramenta, figuras que serán repartidas entre o público asistente. Levara a cabo tamén a confección dunha cadea xigante, charlas explicativas sobre a seguridade nos traballos forestais (os equipos de protección individual, as motoserras seguras, técnicas de traballo, o limado dunha motoserra). Mostrará unha poda en altura de árbores e o uso de cordas, ensinando incluso a facer nós. Finalmente, sobre as 19:00h, fará unha corta dirixida co emprego dun tractel forestal.

Igualmente, no Campo de Santa Isabel, en horario de 17:00 a 18:00h terá lugar unha EXHIBICIÓN DE SEGURIDADE VIAL organizada polo Club 600, na que poderán participar ademais de 600, coches e motos clásicas. Todos eles estarán concentrados ao longo da xornada na carballeira do Campo de Santa Isabel.

• BUS TURÍSTICO.

O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira un ano máis para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está previsto que ás 17:30h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:

  • MUSEO DA RADIO
  • CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
  • PENAS DE RODAS
  • IGREXA DE FRANCOS
  • SALTO DO PIAG

Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 30.


E PARA COMER a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas; nesta ocasión varios establecementos ofrecerán a posibilidade de mercar polbo á feira, churrasco, empanadas, doces e outros produtos de panadería; haberá tamén servizo de bar.
O horario de comidas está previsto de 13:30 h A 16:30 h.

• SORTEO

Lembrar que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de 5 vales de 100 € cada un deles para consumir en establecementos de Outeiro de Rei; a tal efecto cada establecemento admitido pola organización da feira terá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes que para participar deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello.


O sorteo terá lugar ás 20:15. Pódense consultar as bases en www.outeiroderei.org
Pero no se vaian, aínda hai moito máis… na praza da vila, as tradicionais FESTAS DE SANTA ISABEL, as festas patronais de Outeiro de Rei, daranlles a benvida máis acolledora.



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .