> Historia

Aínda que existen indicios da existencia de poboadores neste Municipio dende o Paleolítico (na zona de Silvarrei localizouse un bifaz de tipo Achelense), as primeiras pegadas importantes do pasado histórico de Outeiro de Rei remóntanse ó período megalítico (4.000-2.000 a.C.). A gran abundancia de mámoas localizadas no seu termo, entre as que destacan a "Medorra da Pedra Dereita" en Martul, así como os enxovais encontrados en ditos monumentos funerarios (conservados na actualidade en museos e coleccións privadas) e os gravados rupestres ou petróglifos esparexidos polos seus montes, poñen de manifesto a presenza durante esta etapa de unha poboación bastante numerosa e activa.

Dende entón e ata a actualidade coas referencias bibliográficas e arqueolóxicas existentes, resulta lóxico pensar que este lugar estivo continuamente habitado. Primeiro, pola poboación castrexa (800 a.C.-100 d.C.), sendo varios os castros catalogados neste Concello, todos eles sen escavar e entre os que se encontra o Castro de Candai, situado nos límites das parroquias de Aspai e Candai.


Imagen aradeuslucubuAra dedicada ó deus Lucoubu
Foto cedida polo museo arqueolóxico e histórico da Coruña




Máis tarde, polos romanos (60 a.C.- 410 d.C.), os que se supón chegarían aquí pouco despois de fundar a cidade de Lugo (25-20 a.C.) bautizando este lugar, de acordo á maioría dos historiadores e fontes clásicas consultadas, có nome de Octodorum (pola que pasaba a vía romana XX, Braga-Astorga). A súa presenza supuxo non só a romanización de varios dos castros existentes no Concello como o castro de Tourón (Guillar) ou o castelo do Picato (San Lourenzo de Aguiar) senón tamén a construción de dúas vías que atravesaban o citado Outeiro de Rei así como a constitución de algunha casa de campo agropecuaria ou "villae" na parroquia de Vilela u poboados sen fortificar "vici" como é o caso da actual Santa María de Cela, a que recibía por aquel entón o nome de "Aguas Célenas". Entre os vestixios localizados destaca un ara dedicada ó deus Lucoubu encontrada en Sinoga (Santa Mariña) en 1909 e hoxe nos fondos do Museo Histórico-Arqueolóxico da Coruña.

A chegada dos suevos a Galicia (410 d.C. aprox.) supuxo a organización político-administrativa do territorio lucense en condados, integrándose a práctica totalidade do actual concello no denominado condado de Superata (Sobrada). Para este período merece especial mención a aldea de Astaríz (Caboi), a que, segundo tradición popular era chamada "Coto Real" e contaba con as súas propias autoridades.

Pero é sen dúbida o período medieval (s. VIII-XV), tras a invasión árabe e posterior reconquista dos territorios da provincia de Lugo da man do bispo lucense Odoario, territorios entre os que estaban as parroquias de Silvarrei, Cela e Parada, no que este municipio viviu o seu máximo esplendor. Organizado en dúas xurisdicións, a de "Sobrada de Aguiar" e a de "Otero de Rei", señoríos de Pedro Freire e o conde de Lemos respectivamente, este último mercé a un privilexio real concedido por Isabel a Católica en 1501, converteuse no berce dalgúns dos principais liñaxes nobiliarios de Galicia, entre os que destacan os Gayoso, os Montenegro ou os Aguiar. Estes construíron aquí, primeiro os seus castelos-fortalezas e unha vez finalizada a inestabilidade medieval (s. XVI), levaron a cabo a transformación civil de dita arquitectura militar, xurdindo os pazos e casas señoriais.
Foto do Pazo de Mirapeixe


FOTO: Pazo de Mirapeixe (Santa Mariña)



A súa posición limítrofe coa capital da provincia fixo pois de Outeiro de Rei un lugar de residencia apetecido para os xa referidos nobres e tamén para a pequena fidalguía. Boa proba de elo é a importante concentración de casas señoriais neste termo entre as que ocupan un lugar destacado: o pazo de Mirapeixe (Santa Mariña), solar de orixe dos Gayoso; a "Casa Fuerte" de Outeiro de Rei, fundada a partir dunha torre medieval no século XV pola familia irlandesa O´Kelly e posteriormente en mans dos Gayoso; a casa -torre de A Barreira (Santiago de Gayoso) orixinaria de 1575 ou o pazo de Guevara, levantado a finais do século XVII polos Pardo-Rivadeneira.

Pero Outeiro de Rei non só conserva unha arquitectura civil de interese, tamén debemos destacar a súa arquitectura relixiosa, as súas vintesete igrexas e dez capelas foron construídas maioritariamente durante os séculos XVII-XVIII, con excepcións como son os templos de Francos, Martul e Robra, os cales teñen orixe románico se ben remodelacións posteriores a penas deixan entrever elementos das construcións primitivas.

Foto ilustrativa de la Olería de Bonxe FOTO: Olería de Bonxe

Da Idade Moderna (s. XVII-XVIII) resaltar que a concentración da terra en mans duns poucos e en consecuencia a imposibilidade de obter beneficios do campo fixo que os veciños buscaran actividades complementarias á agricultura consolidándose neste Concello, grazas en parte ás características do seu solo, unha importante zona de oleiros que cubrían en boa parte as necesidades de útiles domésticos da provincia. Os principais núcleos produtores do momento estaban en Santiago de Gayoso, Silvarrei, Penelas e Bonxe; a partir do século XX o número de oleiros empezou a diminuír drasticamente, e na actualidade soamente en Bonxe, grazas a Josefa Lombao Ferro, pervive esta actividade e tradición, sendo a olería de Bonxe unha das catro olerías ancestrais que aínda perviven en Galicia.
Persoeiros relevantes

Flecha indicativa Manuel María

Natural de Outeiro de Rei, é un dos poetas senlleiros da literatura galega contemporánea e deixou na súa obra a pegada da chaira e das terras de outeiro.

Flecha indicativa ver vídeo da homenaxe a Manuel María

Flecha indicativa Gumersindo Laverde Ruíz

O profesor Laverde, escritor e filósofo da segunda metade do século XIX, viviu en Lugo onde exerceu como catedrático de Filosofía e director do Instituto durante varios anos, logo de casar cunha muller natural de Outeiro de Rei.

Flecha indicativa Xoán Montes

Malia que Montes naceu na cidade de Lugo, a súa familia era orixinaria de Outeiro de Rei, onde el mantiña a casa familiar.

Flecha indicativa Eduardo Pardo de Guevara

Este historiador nado en 1952 en Ponteceso (A Coruña) acude a cotío a Outeiro de Rei, orixe da súa familia.
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .