> Situación económica do Concello

Imagen gráfico de Economia

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do Instituto Galego de Estatística

En Outeiro de Rei a principal fonte de ingresos ata os anos 70-80 do século pasado procedía da actividade agraria.

A partir deses anos houbo importantes transformacións e a actividade agropecuaria comezou a decaer debido en primeiro lugar á propia dinámica demográfica, motivo polo que as baixas por morte ou por xubilación superan amplamente as entradas de activos no sector, e en segundo lugar pola transferencia dun número importante de efectivos humanos cara ao sector terciario (servizos) e en menor medida, cara ao sector secundario (industria e construción), fenómeno que é xeneralizable a todas as economías desenvolvidas.

 Así ata chegar á actualidade onde, tal e como se pode apreciar na gráfica de poboación ocupada por sectores, é o sector servizos o que ocupa a maior porcentaxe de poboación (65,93%), seguida do sector secundario (23,14%) e do sector primario, que segue tendo un peso relevante na economía municipal e dá emprego ao 10,60% da poboación, segundo datos do Instituto Galego de Estatística referidos ao ano 2013.

> SECTOR PRIMARIO

Dentro do sector primario hai un predominio da gandaría sobre a agricultura, agricultura pouco diversificada que está destinada basicamente ao autoconsumo (normalmente pequenas hortas familiares dedicadas á produción de hortalizas, verduras, patacas,...) e que coexiste cunha produción de cultivos forraxeiros orientados á alimentación do gando.


A paisaxe agraria sufriu nos últimos tempos profundas transformacións e as terras de cultivo foron cedendo paso aos pasteiros que tamén se viron incrementados pola deforestación dos montes; como consecuencia directa o número de gando, sobre todo bovino, aumentou.

Imagen gráfico gando bobino

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do Instituto Galego de Estatística

Non obstante, estamos a asistir a un descenso continuado no número de explotacións gandeiras. No ano 1989 e segundo datos extraídos do Censo Agrario elaborado polo Instituto Nacional de Estatística había un total de 937 explotacións que descenderon a 762 no ano 1999 e a 459 no 2009; o que pon de manifesto non só un descenso continuado, senón cada vez maior. A diminución do número de explotacións gandeiras podemos presupoñer que en parte está motivada polo envellecemento da poboación e por outro lado pola menor rendibilidade das pequenas explotacións que tenden a desaparecer.

En canto ás explotacións de gando bovino, o seu número descendeu de 546 no ano 1993 a 406 no 2000 e ata 237 en 2013 (datos extraídos do Anuario de Estatística Agraria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural).

En relación á orientación do gando bovino predomina o de leite sobre o de carne, non obstante hai unha redución importante do número de vacas de leite, aínda que con tendencia á estabilidade nos últimos anos, debido posiblemente a dous motivos fundamentais: o primeiro, a mellora na xenética e no manexo das vacas que permite manter e inclusive aumentar a produción a pesar de reducir o número de animais; o segundo, é a orientación produtiva de moitas explotacións cara á produción de carne, reorientación motivada pola insuficiencia de cota en moitas delas e das limitacións á produción.

A gandaría complétase coa explotación de gando porcino, polos de carne, ovino, e en menor medida, caprino e coellos.

Os matadoiros utilizados xeralmente para o sacrificio do gando son os de Rábade, Castro de Rei e Lugo.

Dentro deste sector primario atopamos varias canteiras en explotación.

O historiador Amor Meilán menciona que hai acoutados pero sen explotar os rexistros mineiros de ferro denominados María Petra e Catalina nas parroquias de Aguiar e Guillar respectivamente.

Na parroquia de Robra a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas SL, ten instalada unha central eléctrica aproveitando o Salto do Piago.

Dentro deste sector primario compre destacar tamén a riqueza forestal do municipio. En Outeiro de Rei a superficie forestal total para o ano 2007 é de 7145 ha. segundo o Anuario de Estatística Agraria e as posibilidades de desenvolvemento deste sector son importantes. A produción da madeira de coníferas e moi superior a de frondosas; dentro as coníferas destaca o Pinus pinaster ou piñeiro do país; tamén o Pinus radiata.





> SECTOR SECUNDARIO

Imagen leche pascual

O sector secundario emprega en Outeiro de Rei o 23,14% do total de poboación ocupada; a industria dá traballo á maior porcentaxe de poboación, o 15,89%, mentres que a construción ocupa o 7,25%. En termos absolutos a poboación ocupada neste sector descendeu dende o ano 2009, ano no que representaba o 26,76% da poboación.

Dentro da actividade industrial atopamos a maior concentración de empresas na parroquia de Guillar, aínda que esta realidade está a cambiar debido ao aumento de chan industrial e á aprobación de diversos plans parciais, que están a permitir a posta en valor dunha importante bolsa de terreo industrial no espazo coñecido como Polígono Industrial de Outeiro de Rei, zona na que xa están emprazadas varias empresas (Coren, Norpresa, Ingapan, Carpintaría Metálica Ben Alonso...).

Polo número de asalariados entre as industrias máis importantes está a láctea Corporación Alimentaria Peñasanta, que se localiza na parroquia de Robra ao bordo da N-VI, tamén tivo grande importancia para a economía municipal a empresa Alimentos Lácteos SA, e anteriormente a esta a láctea Leite Pascual SA; diso dan fe unhas importantes instalacións situadas na parroquia de Santa Mariña que seguro poderían acoller calquera proxecto relacionado con esta actividade.

Á parte das lácteas, a actividade industrial está representada polas carpintarías tanto de madeira e fabricación de mobiliario como metálicas, contando con cinco destas últimas no municipio. Así mesmo podemos atopar empresas que se dedican á fabricación de formigóns, derivados do cemento e escaiola e transformacións da pedra. Existindo ademais empresas que provén ao sector primario de diferentes materias e instalacións.

Atopamos no municipio algún industrial panadeiro por exemplo na parroquia de Guillar Panadería Ramil SL e Panadaría Ousá, a xa mencionada Ingapan situada no Polígono Industrial de Outeiro de Rei e, noutras parroquias, Panadaría Artesanal Vázquez e Panadaría do Cantón.

Hai unha empresa dedicada á fabricación de produtos de pirotécnica a nome de Pirotecnia Astariz SL e tamén algún artesán que vive do seu oficio (cerámica de Bonxe, cesteiros, fabricación de instrumentos musicais, restauración de mobles, ...).

A boa situación xeográfica de Outeiro de Rei, unido aos bos accesos de comunicación e aos cambios que está a experimentar nestes últimos anos, permiten augurar un futuro realmente prometedor a este sector industrial.


POLÍGONO INDUSTRIAL



> Construción

A construción experimentou en Outeiro de Rei un importante crecemento á vez que actúa como factor dinamizador doutras ramas da industria como a dedicada ao tratamento da pedra natural e á fabricación de produtos.

Aínda que nos últimos anos diminuíu lixeiramente o número de empresas dedicadas á construción, de 65 en 2008 a 63 en 2012 (datos do Instituto Galego de Estatística), o descenso máis brusco produciuse na poboación ocupada neste sector, que pasou de empregar un 10,69% da poboación activa en 2009 a un 7,25% en 2013; o que en termos brutos se traduce nunha caída dos 205 traballadores de media neste sector en 2009 a 133 no ano 2013.

É de destacar dentro deste apartado o incremento na realización de vivendas que se observou nos últimos tempos, sobre todo coa construción de varias urbanizacións concentradas nas parroquias de Matela, Guillar, Robra e Outeiro de Rei.

No 2003 finalizou a construción da primeira promoción de vivendas de protección oficial localizadas na vila de Outeiro de Rei, un total de 34. Ademais construíronse tamén as urbanizacións Triacqua e A Palloza.

Entrega vivendas
  Entrega de títulos de propiedade vivendas de protección oficial. 26/09/2003



> SECTOR TERCIARIO

O sector servizos xera o 65,93% do emprego da zona e tamén o maior número de demandas por parte da poboación parada do municipio.

Inclúese dentro deste sector basicamente o comercio, a hostalaría e hospedaxes, o transporte e tamén a sanidade, a educación, a administración pública, os servizos de ocio, etc. Aumentando o número de empresas dedicadas a este de 185 en 2008 a 221 en 2012 segundo o Instituto Galego de Estatística.

> Comercio

A actividade comercial polo miúdo está orientada a satisfacer as necesidades básicas da poboación. No núcleo atopamos unha farmacia, un supermercado e varios establecementos de hostalaría.

Esparexidas pola xeografía municipal aparece algunha que outra panadaría e outro supermercado, ademais do citado, situado na parroquia de Robra. En Matela hai un establecemento dedicado á venda de pensos e pinturas e en varias parroquias do municipio atopamos as típicas tabernas (con tendencia a desaparecer) que á vez que funcionan como bar tamén o fan como pequenas tendas de comestibles, como é o caso do Comercio Mixto Montevello de Bonxe.

Hai tres casas de turismo rural que ofrecen servizo de restaurante ademais de aloxamento (ver guía empresarial e teléfonos de interese), varios restaurantes (tres deles ofrecen tamén hospedaxe: os hostais Illán e Soborvila e a Pensión González) e varios bares.

No municipio contabilízanse dúas gasolineiras, unha situada na parroquia de  Outeiro de Rei e a outra na parroquia de Robra, e un establecemento de distribución de carburantes a domicilio, en Guillar.

Ao estar a poboación diseminada obsérvase a existencia dun comercio ambulante que percorre todas as parroquias ofrecendo basicamente pan, comestibles, peixes e pensos.


Á parte hai varias empresas asentadas no municipio que desenvolven diversas actividades por xunto:

- Comercio por xunto de froitas e verduras
- De leite e produtos lácteos
- De bebidas e tabaco
- De madeira, etc.

Malia a conxuntura económica apréciase un incremento dos establecementos comerciais nos últimos anos que pasaron de 70 en 2008 a 74 en 2012 (datos do Instituto Galego de Estatística).

> Outros servizos

O Municipio conta ademais con:

  • Escola Infantil Municipal
  • Colexio de Educación Infantil e Primaria Laverde Ruíz
  • Xulgado de Paz
  • Casa da Cultura onde se atopa a Biblioteca Municipal, a Oficina de Información Xuvenil e os Servizos de Cultura e Deporte
  • Centro Cultural
  • Centro Médico
  • PAC
  • Oficina de Caixa Rural Galega
  • Oficina de Correos
  • Un xeriátrico privado, o Residencial Carlos IV
  • Unha pista de atletismo e de karts en Robra
  • Varios campos de fútbol
  • Un pavillón de deportes
  • Dúas zonas de ocio: o Campo de Santa Isabel e a área recreativa de Penas de Rodas

O Concello ten asinado un convenio co Club de Campo e Tiro de Bonxe que permite o uso, en condicións vantaxosas, das piscinas e resto de instalacións do Club aos habitantes do municipio que desexen ser socios, e tamén co Centro de Interpretación de Avifauna.

 

Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .